Paco, in memoriam Francisco Ferreiro López, (Viveiro)

CARLOS NUEVO CAL, PRESIDENTE DE TERRAS DE VIVEIRO OBITUARIO

A MARIÑA

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado domingo, á mañanciña, en plenas festas de Antroido, a nosa común amiga África Jiménez, anuncioume a fatal nova do teu pasamento, amigo Paco! Unha nova dunha morte anunciada prematuramente, debido ao empeoramento inexorable que sufriches durante os últimos días da túa estadía no Chuac da Coruña.

Un fatal desenlace que todos os teus amigos e amigas tratabamos de negar, enganándonos a nós mesmos, coa esperanza de que unha vez máis, como noutras ocasións, foses capaz de remontar e volver a agradarnos coa túa presenza e optimismo. Pois ti ben sabes o moito que significabas para todos os socios e socias do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, co teu labor calado, efectivo e minucioso, cando levabas a Secretaría, e mesmo, calquera outro asunto dificultoso que sempre resolvías con eficacia e coa maior das ilusións. Porque na maioría das sociedades e agrupacións culturais, sempre existen ese tipo de persoas que sen lucimento de ningunha clase, traballan na sombra o día a dia: «eses son os imprescindibles», dicía Bertolt Brecht.

Cantos recordos se arremuíñan de súpeto, de alegres conversas e tamén das dificultades polas que tes pasado antes e despois do transplante, das ilusións de seguir vivindo con máis ganas aínda, sobre todo pola túa filla Carme, pola túa compañeira Chus e túa irmán Dolores, ás que tanto amabas.

Que falar da túa inquebrantable amizade, do teu compromiso e fidelidade contra ventos e mareas, da túa teimosía ante as dificultades, da túa intuición e agudeza á hora de analizar e tomar decisións, en ocasións tremendamente difíciles! Pero ti sempre fuches así: vitalista, curioso, animado conversador, amigo dos amigos, condescendente con todos, servizal e amable.

Tamén capaz de rebelarte contra todo o que ti considerabas unha inxustiza e nos últimos anos, por desgraza, estas semellaban estar ao orde do día, especialmente polas corruptelas dos máis privilexiados; cantas veces iracundo, con toda a razón, contra o status quo existente, pola falla de oportunidades laborais para os máis mozos, polo obrigado éxodo cara ao estranxeiro das xeracións teoricamente máis preparadas, polos amaños e renarterías que vías a cotío, pola falla de ética permanente naqueles que terían que servir de exemplo ás xeracións vindeiras. en fin, contra todo aquilo que significaba mansedume, atraso e dependencia.

Benquerido Paco, vástenos agora ao pouco de renovar a Xunta Directiva e da que ti non quixeches formar parte, aducindo que debías dar alternativa a outros máis mozos, aínda que recoñecías a gran dificultade da renovación, debido a falla de compromiso nesta sociedade tan interesada e materialista. Finalmente, logrei convencerte para que continuaras na sombra botándonos unha man nos temas máis dificultosos nos que ti eras un verdadeiro mestre.

Agora dende o alén, aínda que non podas vivir plenamente e disfrutar cos teus como tanto desexabas, déixasnos o teu querido recordo, o teu pícaro sorriso e a lección de vida que nos deches, plena de serenidade e valentía. Mais tamén, como no poema Los heraldos negros, de César Vallejo, ficamos totalmente desconcertados porque «Hay golpes en la vida tan fuertes? ¡Yo no sé!».

Carlos Nuevo Cal é o presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, «e amigo».