Patrocinado porPatrocinado por

«Eu fago casas que respiran»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía A PONTENOVA / LA VOZ

AGRICULTURA

CEDIDA

Tén un proxecto en marcha, A Casiña, para ensinar a súa profesión e vida sostible

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As casas forman parte da nosa vida, como unha prolongación do propio corpo. Vivir nun espazo que ademáis de estética aporte saúde é a clave de profesións coma a da bioconstrucción, en auxe. Dela falou o profesional afincado na Pontenova nado en Alemaña Guido Tomasini, en Amodiño (Ribadeo), onde presentou novo proxecto para o vindeiro verán, A Casiña, de escola de bioconstrucción e vida sostible, con albergue, «para un amplo público, xente que quere saber ou da construcción para aprender novas técnicas». Terá cabida tamén para ensinar agricultura ecolóxica e educación libre.

-¿Como acabou en Galicia?

-Iso me pregunto eu, cada día. Viaxando, buscando un sitio en España para aprender castelán principalmente. Nese momento non sabía nin que existía o galego, nin Galicia, nin Cataluña nin País Vasco. De Galicia dixéronme que había vacas e non facía tanta calor. Hai uns 20 anos que cheguei a Galicia pero cambiou moito, ata sinto certa decepción.

-Noto certo pesimismo.

-Creo que falta dar máis valor, non mirar só os cartos. Levo 11 anos traballando nisto, na bioconstrucción, que non é un terreo fácil de introducir.

-E iso que en materiais naturais Galicia andará sobrada...

-Nese sentido, Galicia é un paraíso pero hai que coidalo e se seguimos así, nin castaños quedarán... En carpintería traballei dende os 16 anos e cando o fixen en Galicia co castaño, quedei flipado da súa calidade. ¡É dunha riqueza! Antigamente os avós plantaban os montes para os netos pero agora rompeuse esa liña. É so un exemplo. En canto á construcción as casas de pedra, indo fóra do tradicional ou por motivos económicos ou por usar materiais de arredor, xa son exemplos de bioconstrucción. A auténtica casa galega de pedra depende do lugar, non é igual na costa lucense que na pontevedresa.

-A bionconstrucción, ¿sería logo como voltar ás raíces?

-Na rehabilitación dunha casa de pedra, si. Non fai falla buscar nada máis, porque normalmente soen ser de pedra e barro. Todas están feitas así. Dinme que non vale aquí o barro, pero ¿como non vai valer se todas as pedras están asentadas en barro? Hoxe sabemos máis e temos máis necesidades de confort, os espazos utilízanse doutra maneira... pero agora cambiou tamén a maneira de arranxar as casas, hai materiais novos, outro tipo de aillamentos, outros prefabricados...

-En resume, o fin é que a casa axude a gañar, non perder saúde.

-Por nacemento, eu teño esa inquietude, que é tamén na educación da filla, no que comemos... Vexo que falando dos problemas da construcción convencional, estes van aumentando. Falamos da humidade dentro da casa que provoca os fungos e non é só problema estético, é daniño, provoca enfermidades ¿De onde ven isto? Aparte de alimentación e o ánimo en xeral é por como están construidas as vivendas, con moita pintura, colas, disolventes, os famosos compostos orgánicos volátiles que se inhalan e o corpo absorbe e non dá eliminado. A veces, estamos intoxicándonos co fogar. Independientemente de salvar o mundo, deberiamos pregocupármonos por salvarnos nós en primeiro lugar, penso.

-¿Que se pode mudar para ir cara á bioconstrucción?

-Nunha vivenda unifamiliar, evitar usar o cemento. A alternativa é a cal de toda a vida, aínda que pode non selo en todos os casos. O barro, como material moi antigo, é tan antigo como moderno. A miña especialidade é traballar coa terra, co único obxectivo de facer que as casas respiren, ventilen polas propias paredes, non utilizando pinturas plásticas, que son herméticas. A palabra é transpirabilidade, que xunto coa capacidade dos materiais de soltar a humidade, permite que non se produza acumulación. A veces, non é suficiente con cambiar os materiais, senón que tamén hai que cambiar os sistemas, como aillar, tratar.... Neste sector hai moito traballo porque non hai competencia. Hai moi pouca xente que se dedica a isto e con suficiente preparación.

-Botando man da imaxinación, e xa bromeando, pensaba que viviría ao estilo dos hobbits de El Señor de los Anillos.

-(Ri) Bueno, dentro da miña casa, en Vilarmide, case que si. A escritura da casa, de 1902, di que a casa é de construcción tradicional de pedra e barro. E agora, máis de cen anos despois segue sendo así e con máis barro aínda.