O plan director non garante a ampliación do Hospital da Costa

XUNTA DE PERSOAL DO HOSPITAL DA COSTA

A MARIÑA

01 oct 2014 . Actualizado a las 14:41 h.

Dende a Xunta de Persoal do Hospital da Costa esíxese que se deixen de mentiras e que demostren que teñen vontade de ampliar o Hospital da Costa destinando unha partida económica executábel nos vindeiros orzamentos 2015 da Xunta para iniciar de xeito inmediato as tan prometidas obras de ampliación.

Ante o anuncio de Núñez Feijóo da inminente ampliación do Hospital da Costa dende a Xunta de Persoal da Costa denunciase que xa no ano 2009, recen chegado á presidencia da Xunta, anunciaba na festa da faba de Lourenzá que ía ampliar o Hospital da Costa. No ano 2012, logo das mobilizacións da poboación da Mariña en defensa de manter a xestión da sanidade da nosa Comarca, novamente anuncia a inmediata ampliación do noso Hospital cun único propósito, confundir á poboación e disolver as protestas.

Lembramos que tamén en abril de 2013, volven facer campaña publicitaria de ampliación do Hospital da Costa, coa publicación no DOG (19 de abril de 2013)da oferta da licitación do Plan Director que, ano e medio despois, apróbase no Consello da Xunta do 18 de setembro por un importe de 112.530 euros.

Dende a Xunta de Persoal do Hospital da Costa considérase que as declaracións de Feijóo en canto á aprobación no Consello da Xunta da licitación dun Plan Construtor e a inmediata ampliación do Hospital da Costa son un auténtico insulto e unha falta de respecto á veciñanza, xa que o único que se aprobou foi adxudicar a redacción do Plan Director.

Demostren cunha partida económica para o 2015

Dende a Xunta de Persoal asevérase que o Plan Director non é mais que un estudio das necesidades que en materia de sanidade ten a comarca da Mariña, e que para nada é garante de que se vaia ampliar o Hospital da Costa. De feito é o terceiro Plan Director que se executa ao longo da vida do centro sanitario sen que ningún culminase en ampliación.

Dende a Xunta de Persoal esíxese que se deixen de mentiras, de manipulacións, de falacias e que demostren que teñen vontade de ampliar o Hospital da Costa destinando unha partida económica executábel nos vindeiros orzamentos 2015 da Xunta para iniciar de xeito inmediato as tan prometidas obras de ampliación.