Os Bolouros e Mariño

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

18 nov 2014 . Actualizado a las 13:40 h.

Na Peña O Lar, antano niño de iniciativas culturais, sociais e benéficas, nacía o grupo en 1978 impulsado, sobre todo, por Constantino Mariño, xefe da oficina de Extensión Agraria, pioneiro espallando na bisbarra o interese cultural, culinario e económico dos fungos. Pódese dicir, sen hipérbole, que con el chegou o coñecemento e o aprecio das setas entre nós. En 1987 Os Bolouros foron encargados de organizar a IX Semana Galega de Micoloxía, da que Correos emitiu un selo especial, e que trouxo á vila un feixe de ilustres expertos de Galicia e Asturias. Antón Patiño, persoeiro singular, presidente da Federación Galega, acudiu a Foz repetidas veces para celebrar xuntanzas e participar en actividades micolóxicas: extrovertido, poeta, pintor, bohemio. De discurso grandilocuente, elegante na presenza e nos modais, non volvéramos a vernos dende os días de Os Bolouros, aínda que a amizade, por razóns profesionais, era anterior.

O reencontro foi o 6 de setembro de 2004 na carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei, no enterro do poeta Manuel María, en momento moi emotivo: entre a numerosa asistencia e mentres os seus amigos da Banda de Sober, ante o cadaleito, interpretaban a ?Negra Sombra?. Ao remate achegouse a nós un home, cangado polos anos, que portaba caxato de artística empuñadura. Ante a nosa indeferenza, díxonos: ?¿Ti non eres o Suso de Foz?? -?De momento, sí?- ?Eu redactei os Estatutos dos Bolouros?? --?¡¡Patiño.!!?, exclamamos. O 7 de xullo seguinte chegaba a triste nova: finara Patiño, aos 87 anos: unha personalidade non doada de esquecer. Os Bolouros, baixo a batuta do biólogo Xesús Blanco, celebran o XXXVI aniversario? Dende o primeiro intre, con outros amigos, testigo moi de preto do labor de Mariño, alma e corpo do colectivo ó que honrou dende diversas tribunas, dado o prestixo de experto micólogo; ao lembrar, en breves pinceladas, o nacemento de Os Bolouros, o cronista subliña a transcendencia de Mariño na historia micolóxica da bisbarra e en fonda aperta expresa ó amigo o recoñecemento e gratitude e fai votos porque o colectivo perviva por moitos anos...

Suso Fdez., cronista oficial de Foz.