Actuar para mellorar o futuro da Mariña

SERGIO LÓPEZ GARCÍA ECONOMISTA

A MARIÑA

Festas, romarías e festivais, como por exemplo o Resurrection Fest, teñen unha alta capacidade de atraer e de sorprender aos visitantes.
Festas, romarías e festivais, como por exemplo o Resurrection Fest, teñen unha alta capacidade de atraer e de sorprender aos visitantes. x. f. r.< / span>

19 ene 2015 . Actualizado a las 13:36 h.

Avaliar as potencialidades socioeconómicas da Mariña a curto e medio prazo pasa por analizar a situación actual, a nosa estructura económica, social e demográfica. A crise económica e financieira vén de destruir unha parte importante do entramado empresarial, e que a maioría das empresas de tamaño medio, sobre todo vinculadas coa construcción-promoción ou coa industria, desapareceron ou, no mellor dos casos, sudan «sangue» para sobrevivir. O pequeno comercio, o máis numeroso, sofre unha longa e constante crise de supervivencia e necesaria evolución, si ben nos últimos meses xurdiron novas iniciativas que compensaron (e incluso sobrepasaron, en algunhas vilas) os peches, o que parece pode invertir a situación.

As nosas realidades

No tocante ás empresas, temos un entramado maioritario de microempresas familiares nos múltiples subsectores, que nos permiten (vista a comarca como un todo) ter unha grande variedade de alternativas e non unha dependencia única, aínda que un «catarro» en Alcoa ou na pesca pode provocar unha «pulmonía» na comarca.

No sector primario, suliñar a pesca extractiva en Burela e Celeiro; a agrogandeiría e o leite na zona máis oriental, como Ribadeo, Barreiros ou Trabada; a de horta en Lourenzá e Mondoñedo; e tamén o forestal, unha riqueza por toda A Mariña, especialmente na zona rural máis ó sur, e que é máis importante nos concellos do interior

No sector industrial, o predominio de Aloca é absoluto, sobre todo polo seu impacto e a calidade do emprego xerado. Outras multinacionais como Vestas, ou empresas aquí asentadas, como Acuidoro ou Insuiña, son importantes no emprego, pero como non teñen na comarca os seus centros de decisión, non reinvirten aquí os seus beneficios dunha forma estratéxica.

No sector servizos, o hospital, os xeriátricos, os centros de ensino, os concellos como centros de traballo, o comercio..., todos xeran un entramado de pequenas e numerosas empresas en tódolos concellos. A hostelería ten un peso cada vez maior, sobre todo nos centros urbanos do litoral, o que fai que ano a ano o número de visitantes medre no verán e Semana Santa.

En infraestruturas, o remate da Autovía do Cantábrico mellora as expectativas de recibir máis visitantes, sobre todo das comunidades do norte, o que xa se foi notando nos últimos anos. Acaba de poñerse en servizo o gasoducto para que Alcoa e outras empresas sexan máis competitivas no futuro, e aínda que se incrementaron os metros de solo industrial, agora non temos suficientes empresas que os ocupen. Aínda así, seguimos tendo polígonos e centros urbanos con mala cobertura tecnolóxica, imprescindible hoxe en día.

A nosa demografía xira nun entorno poboacional fixo de 75-80.000 habitantes, cun trasvase contínuo de poboación nova dos concellos do interior aos da costa, quedando unha pirámide poboacional moi envellecida no interior e con poucas expectativas de cambio. O desenvolvemento económico vai en paralelo ó eixe poboacional, polo que o futuro está máis no litoral. En pequenos concellos do rural, as estadísticas din que a renta per cápita mellora máis que na costa, pero esto é un efecto perverso dos datos, xa que non é polo incremento da súa actividade, senon polo descenso aínda maior da poboación, do que sae un resultado irreal.

En canto ó entorno xeral, existe na actualidade un mercado global cunha serie de oportunidades que non había en décadas anteriores e que deberíamos aproveitar, porque os nosos competidores non van quedar parados sen intentar aproveitar a nosa capacidade de compra. Era impensable fai só 20 anos que unha empresa de A Mariña poidera vender dende aquí en calquer país do mundo gracias ó escaparate de internet e do e-comercio, igual que nós podemos comprar cun click un produto de calquer lugar do mundo e telo en horas na casa.

As nosas potencialidades

Turismo e ocio é quizáis o sector con mellores expectativas de futuro. É unha obriga que todos (empresas e Administracións públicas como concellos, a Deputación ou a Xunta) empezar a traballar no mesmo obxectivo de potenciar a marca ?A Mariña?, o que antes que despois revertirá amplamente esa inversión. E, en paralelo, as empresas necesitan seguir traballando na súa competitividade ofrecendo prezos e servizos atractivos.

Temos unha natureza privilexiada (praias, ríos e rías, paseos marítimos, montes, cascadas?), contamos cun rico patrimonio cultural, histórico e relixioso (a basílica de San Martiño, os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo ou Viveiro?), boa gastronomía (peixes e mariscos, legumes, carnes?), disfrutamos de variadas festas, festivais e espectaculares romarías en tódolos concellos, con alta capacidade de sorprender ós nosos visitantes.

A pesca vai ter complicado seguir medrando só no ámbito extractivo, sobre todo polas limitacións das cotas e TACs europeos, pero tamén porque os barcos máis industriais (os de grande altura) están presentes noutros caladoiros do mundo e non deixan aquí as súas vendas. Por iso temos que aunar esforzos por transformar aquí este produto de primeira calidade, aumentando de forma significativa o seu efecto multiplicador na economía.

O mesmo que coas da pesca pasa co resto das materias primas (minerais, madeira?) e co resto de sectores primarios: agricultura, gandeiria, horticultura?, que neste século XXI deberían dar un paso adiante e lograr a súa transformación industrial nesta zona para reter unha parte maior do beneficio económico.

O ámbito dos servizos xeriátricos e sanitarios é un dos campos que contan con grandes posibilidades de desenvolvemento, con novas empresas de servizos no ámbito socio-sanitario. O incremento da nosa calidade de vida (aumenta a lonxevidade) e a estrutura familiar actual (cada vez teñen menos membros por unidade pero tamén hai máis uniparentais) fai que cada ano se demanden máis servizos neste ámbito social.

Outros actores necesarios, como o comercio local, que ten que dar un paso adiante na diferenciación para fidelizar ó consumidor local e que sirva de atracción doutras zonas (Lugo centro, occidente de Asturias e norte da Coruña). Non podemos olvidar a necesaria mellora no ámbito tecnolóxico das empresas, imprescindible para ser competitivos, igual que as infraestruturas, sen as que é imposible atraer novos visitantes e acercar novas inversión que consoliden A Mariña.

Conclusión

Como conclusión, creo que non existe un único problema no que teñamos que intervir de forma definida, nin que exista unha variña máxica para os nosos déficits estruturais, senon que temos múltiples potencialidades nas que actuar e nas que mellorar a nosas expectativas de futuro.

a análise dun economista sobre o presente e o futuro da mariña