Mondoñedo é tamén poesía

ANTONIO REIGOSA CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO

A MARIÑA

Luz Pozo Garza.
Luz Pozo Garza. PACO RODRÍGUEZ< / span>

Poetas, músicos e artistas conxugarán as súas artes con maestría o día 1

30 abr 2015 . Actualizado a las 12:28 h.

Cando Álvaro Cunqueiro publica a comezos da década dos trinta do pasado século os seus tres primeiros libros poéticos, Mar ao Norde, Poemas do si e non e Cantiga nova que se chama Riveira revoluciona, seguindo a estela rupturista de Manuel Antonio, a creación poética galega. Nestes mesmos días o propio Cunqueiro xunto a A. Iglesia Alvariño, B. Vidarte e outros, co auxilio económico d?O Pallarego, crean en Mondoñedo a Oficina Lírica do Leste Galego que desde a Editorial Un edita varios títulos de poesía e uns tarxetóns polícromos denominados Papel de Color. Só eses tres libros de Cunqueiro e os proxectos que viron a luz arredor del nesta etapa, como o intento de recuperación dos Maios, permitirían nomear a súa cidade de orixe, con rango de título perpetuo, Capital do Reino da Poesía.

Nomes como os de Antón Mª Castro, L. Corral, M. Leiras Pulpeiro, E. Lence-Santar, A. Noriega Varela, X. Díaz Jácome, aos que habería que sumar por razóns de formación na chamada Escola Poética do Seminario a X. Romualdo López, A. Iglesia Alvariño, X. Crecente Vega, Xosé Mª Díaz Castro, Pastor Díaz, F. Fanego, B. García Cendán, Xosé Mª Chao Ledo, X. Trapero Pardo, Chao Espina ou García Amor. Ao labor destes predecesores danlle cabal continuidade creadoras e creadores actuais como Conce Agrelo, Chus Amieiro, Caxigueiro, Luciano do Monfadal, Hermes López ou Aladino Montero, por citar só aos mindonienses de nacemento que van participar nesta edición de Mondoñedo é poesía. Tamén recitarán, como proba de que a semente prende e soe dar bos froitos, estudantes no CEIP Álvaro Cunqueiro e no IES San Rosendo.

Xunto aos citados dirán os seus versos no Auditorio Pascual Veiga e nas rúas mindonienses os gañadores da edición 2014 dos certames Díaz Jácome e Leiras Pulpeiro, Aleixandre Lago Barcala e Eduard Velasco. Acompañáranos nomes tan insignes como Luz Pozo Garza, ou tan recoñecidos como Yolanda Castaño, Eduardo Estévez, Baldo Ramos e Lois Pérez. A música estará a cargo de César Morán (mindoniense de ascendencia), Miro Casabella e Arcadio Mon. Xuntos aos recitais poético-musicais, que comezarán na rúa ás 6 da tarde e no Auditorio dúas horas despois, onde teremos, ademais dun servizo de librería, un Tendal de Poesía no que estenderán as súas rimas mozos e mozas de Primaria e Secundaria, X. Ruíz Leivas, Moncho García, Hermes López, Luciano do Monfadal, Aladino Montero e o xa falecido Bernabel. Poñerá o peche unha homenaxe a A. Noriega Varela por cumprírense 120 anos da publicación do seu gran poema De Ruada.

Pero non todo vai ser poesía. Ou si! Un grupo de debuxantes e pintores reunidos arredor de Sketchcrawl Galicia (X. Vizoso, X. Guerreiro, E. Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón Caxoto e outros) cítanse nunha quedada para percorrer as rúas desde a mañá ata a noite, para tomar apuntes ao vivo da cidade e das xentes. E para os máis pequenos, Caxoto Kativo, atenderá un obradoiro de «Debuxa contos e poesías».

Como ven, en Mondoñedo todo pende da palabra, da música e da imaxe como acredita este texto que Cunqueiro escribiu aló en 1932: «O mito longo, exaito, cúbico, da cidade. Mondoñedo: mito». Antonio Reigosa é o cronista oficial de Mondoñedo.

participantes