Mariños de terra adentro

SUSO FERNÁNDEZ

A MARIÑA

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Maio de 1972. A peña O Lar viaxou á Feira do Viño, en Ribadavia, na que participaron medio cento de persoas, convidadas por Herpo, distribuidora na bisbarra dos produtos da Cooperativa Pazo-Ribeiro. Os excursionistas foran recibidos polo presidente Euloxio Gómez Franqueira, promotor da cooperativa Coren e fundador do partido político Coalición Galega, que os acompañou no percorrido polas instalacións, nas que quedou pendurada unha foto xigante de Foz lembrando a visita, e tamén plo eximio escritor Álvaro Cunqueiro, figura ilustre das campañas publicitarias da firma.

No mes de xullo chegaba a Foz a peña A Ulla de Monterroso que, con grande sorpresa, o fixo por mar. Os de secano, coñecedores da dramática historia da «barra», quixeron dar unha lección a políticos e técnicos de portos e, facendo un corte de mangas a ambos colectivos, embarcaron na Espiñeira para navegar ata o malecón do enxeñeiro Garelly na dársena interior, onde a esbelta nao, ó mando dos expertos oficiais da Armada, o capitán de fragata Constantino Mariño e de corbeta, Ánxel Niñe «Minguín», quedou atracada. Ambos vestían uniforme de gala de verán, lucindo distintivos e condecoracións sobre senllos heroicos peitos; o primeiro recibindo ós tripulantes na ponte de mando, firme, saudando militarmente, coa enerxía que os cánones da disciplina castrenxe esixen, e o segundo situando ao persoal a bordo, nos postos que ocuparían na travesía, dando instruccións ó respectio para que cada quen actuase correctamente nas manobras que os esperaaban naquela inesperada navegación, ou no caso de que en «alta ría» se dera incidente que puxera en risco a integridade física de tanto monterrosino xunto que, por certo, viviron un bautismo de mar pracenteiro e, xa en terra, mesturados cos indíxenas, unha xornada de feliz camaradería, como era costume, entre escenas de humor, estimulantes brebaxes e belidas cantigas que remitían sempre «á feira de Monterroso», para o remate ós amigos, acariñando a idea de, sen tardar, repetir a experiencia... Así foi e prevaleceo por anos.