A Feira do Libro de Foz

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ OPINIÓN

A MARIÑA

17 ago 2015 . Actualizado a las 13:10 h.

Odía 20, inaugúrase a XXX Feira do Libro de Foz. En 1986 iniciábase a exitosa andaina anual no eido da promoción da cultura, como o é toda iniciativa dirixida a potenciar a lectura, porque, como alguén dixo; «non é analfabeto o que non sabe ler, senon o que sabendo, non le». Nacía así o certame focego coa incertidume e as dúbidas do futuro que lle esperaba; un temor que non era infundado, pois localidades de maior entidade e tradición cultural non foron quen de mantelas e algunhas sobreviven a trancas e barrancas, Non foi éste o caso que, de contado consolidouse, para erixirse na mais prestixiosa, e lonxeva, das que se celebran nas vilas da nosa terra.

Naquela primeira ocasión fora pregoeiro un xove Ramón Pernas, recoñecido escritor viveirés, á sazón director da Editorial Espasa-Calpe; Ramón Villares, decano da Facultade de Historia de Santiago, do que Alianza Editorial acababa de publicar Historia de Galicia, falando acerca da mesma; Jorge Víctor Sueiro, redactor-xefe de TVE, gastrónomo que, en amena charla referírase, á cociña galega; Isaac Díaz Pardo, entón director de Sargadelos, disertara sobre Castelao e a guerra civil e o xornalista e escritor don Xosé Trapero Pardo, o fixera encol do Mariscal Pardo de Cela.

Todo un récord

A Feira de 1994 tivera de pregoeiro ó insigne Xosé Neira Vilas, autor do libro mais lido da literatura galega: Memorias dun neno labrego. Ao pouco chegounos carta súa na que decía: «Volvín contento de Foz. Había moita xente na inauguración, firmei moitos libros e recibín moi cordiais atencións. Teño estado este ano en varias feiras e a de Foz foi a mais concurrida, mais incluso que as de Santiago e Ferrol, no acto da ceremonia inaugural. Libros, sí, firmo bastantes sempre, pero tendo en conta o volumen da vila e a poboación, en realidade foron moitos os que me puxeron diante. Todo, pois moi alentador, moi estimulante, e quería decircho directamente. A experiencia resultou francamente fermosa». Trinta anos sen faltar un á cita é todo un record. ¿E o futuro? como sempre, unha incógnita?