Cen días de verán en Burela

MARIO PILLADO VOCEIRO DO BNG EN BURELA

A MARIÑA

05 oct 2015 . Actualizado a las 19:10 h.

Semella que non hai moito que foi investido un novo Alcalde en Burela, máis xa vimos de contar ata máis de tres meses no mandato. Se ben é certo que en política estilase conceder ese tempo de cortesía ós que comezan a gobernar, non é menos certo que o que está ben ou mal, non muda o seu estado nin no primeiro nin no último deses días.  

Sen dúbida, onde máis e mellor debe mudar Burela é no eido comercial, turístico, urbanístico e espacial. Para min todo isto vai da man, sempre que se faga da vila un lugar atractivo para pasear e desfrutar...en definitiva para vivir. De momento so vexo un pouco de pintura e algún arranxo nalgunha praza. Se ven é certo que no eido cultural se ten rexistrado traballo, máis orientado cara o que hai mais aló dos Peares que cara Galiza, sempre defendín que debe saír tamén da Casa da Cultura, pero para iso os espazos deben estar ben acondicionados, débense abrir outros que podan conducirnos ó mar e aproveitarse algúns ós que non se lles da importancia pero que farían que tódolos barrios e zonas da vila recobrasen vida, ademais de repercutir en outros ámbitos, coma o deportivo.

  Máis a principal consecuencia de todo o que acabo de expoñer debe ser a nivel laboral, posto que tampouco foi quen o goberno do PSOE de pór en marcha o plan de emprego municipal que tanto anunciou durante a campaña e do que aínda non temos ningunha proposta. Vimos de ver como lonxe de desenvolverse un plan nesa dirección, as traballadoras dos comedores escolares, por exemplo, perderon o seu posto de traballo, nun extravagante proceso no que unha empresa de Málaga serve comida que trae dende Santiago. Se ven é certo que esta non é unha competencia directa do concello e que a maior responsabilidade é da Xunta de Galiza, creo que o equipo de goberno dun concello debe ir un paso por diante para poñerse do lado das persoas, distinguíndose do resto de administracións públicas á hora de dar solucións ós problemas; unha nova oportunidade perdida.

  A decepción meirande ata o de agora con este novo goberno ven da man dos servizos básicos. O programa electoral do PSOE recollía a remunicipalización dalgúns destes servizos, mais tiven que comprobar como na primeira oportunidade, co servizo de limpeza das dependencias municipais, en lugar de aproveitar a conxuntura e apostar por facer o servizo público de verdade, ofértase o servizo ás empresas privadas, por valor de 858.818 ?, por dous anos con posibilidade de ser prorrogado ata 4, é dicir, toda a lexislatura. A primeira na fronte, pouco tardou o señor LLano co seu equipo de goberno en renunciar ós seus compromisos electorais. A parte a realidade deste caso en concreto non é alentadora para outros servizos, posto que coa empresa concesionaria case na ruína semellaba mais sinxelo que o concello asumise esa tarefa. Debe ser que realmente non hai a intención de levar aquelas promesas a bo porto.

  En resumo, aínda coa certeza de que algunhas cousas si que mudan, despois destes cen días queda un coa sensación de que ou está rotundamente equivocado, ou as promesas son sinxelamente iso, que aínda a pesar das boas intencións, das boas ideas e das boas palabras semella que o goberno socialista pensa mais do que realmente executa. Sobre todo agora que rematou o Verán e terían que poñerse a traballar durante o Inverno.