«Chego con moita ilusión para facer en Foz unha banda de música grande»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

«É unha gozada ver como entre os músicos se axudan, teñan 70 ou 20 anos»

07 oct 2015 . Actualizado a las 12:33 h.

Cun concerto na recente Festa da Faba de Lourenzá se estreou Abel Riveira Pena como director da banda de música de Foz, integrada actualmente por entre 35 e 40 membros. Compaxina este cargo -desde hai aproximadamente un mes- co da dirección da banda de Guitiriz, pero confesa que asume este novo cometido na Mariña con moito entusiamo: «Chego con moita ilusión para facer en Foz unha banda de música grande». Tamén ten a vista posta na escola municipal de música local, nun intento por facer e buscar canteira. Ao longo da súa dilatada traxectoria, Riveira Pena foi o impulsor da ClassBand en Burela, un novo sistema de ensinanza musical colectiva.

-¿Chega con moitos proxectos novos?

-Teño moitas cousas en mente, pero prefiro ir pouco a pouco. O que si quero é que cada concerto sexa distinto, que sorprenda ao público e que tamén sexa diferente para os músicos. Non quero que o público asista a concertos iguais. Quero buscar o factor sorpresa.

-¿Cales serán as vindeiras actuacións?

-A cita máis inminente será o concerto de Santa Cilla, o mes que ven.

-¿Que tipo de concertos quere ofrecer?

-Van ser concertos programáticos, dedicados a algún compositor. Buscarei sempre a sorpresa.

-Di que quere facer unha banda grande...

-Pódese facer. Estou pendente da xente que está na escola municipal, pendente de traballar desde abaixo, desde as bases. Asi se construirá algo importante.

-¿Xa ten actuacións fixadas ou terá que programalas?

-Temos previstos os concertos de Nadal, o de Reis, na primavera... pero tamén quería facer algo cos colexios.

-Ten alumnos de todas as idades...

-Teño unha variade ampla e iso gústame moito. É unha gozada ver como entre os músicos se axudan, teñan 70 ou teñan 20 anos.

abel riveira pena director da banda de música focense

«Non quero que o público asista a concertos iguais, quero buscar o factor sorpresa»