«Os únicos máis controlados que a pesca son os que están na prisión»

SALVADOR SERANTES VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Profesionais en activo séntense «asfixiados polas normas»

20 nov 2015 . Actualizado a las 13:22 h.

Opinan na súa dobre faceta de profesionais en activo e de representantes de armadores e mariñeiros, como patróns maiores de catro confrarías. Basilio Otero (Burela), Domingo Rey (Celeiro), Javier Sánchez (San Cibrao) e José Juan Lestegás (Foz) compartiron impresións, valoracións e inquedanzas, nunha Mesa de Redacción de La Voz, en Viveiro.

Ás portas da entrada doutra norma para pesca, agora para prohibir tirar ao mar o peixe que non se pode capturar ou non ten saída comercial (os descartes), transmiten unha opinión unánime sobre o control do sector. «Os únicos máis controlados que os da pesca son os que están nas prisións, porque calquera organismo que teña galóns pode inspeccionarnos», lamenta Javier Sánchez. «Nin os narcotraficantes están tan vixiados como nós», apunta Domingo Rey. «Trátanos como aos presos, somos prisioneiros das Administracións», engade Basilio Otero. «Hai xente que está a tratamento médico, estamos asfixiados polas normas; é imposible pescar e ao mesmo tempo contarlle á Administración o que estamos facendo», sinala José Juan Lestegás.

«Pretenden que cumpramos un montón de normas, moitas imposibles de aplicar; para poder pescar, nos barcos necesitaríamos un administrativo a bordo, para cumprir todos os trámites», subliña Domingo Rey. «O noso problema son as normas dos 27 países de Europa, que tratan igual ao norte que ao sur, e somos diferentes. Como parecen cobrar por escribir letras, todos os días sacan leis, regulamentos e normas, sen ter en conta a opinión nin a realidade da pesca», engade Javier Sánchez. «A Administración di que temos credibilidade internacional: ¡Claro, ben gañada a temos! Pero o problema é adaptarse ás normas, que son moitas e cambian a cotío», proclama Basilio Otero. «Somos uns santos, pero porque xa non podemos máis, é como embestir contra unha parede», di José Juan Lestegás sobre os intentos de que a Administración os crea.

¿Pensan que por pescar se presume que van a saltarse as normas? «Con tantas como sacan, leváronos a unha rúa sen saída, na que é practicamente imposible non incumprir algo; son tantas...», resume Javier Sánchez.