A Pomba do Arco e o labor das asociacións na Mariña

Miguel Sande Corral
MIGUEL SANDE AO FÍO

A MARIÑA

20 nov 2015 . Actualizado a las 17:10 h.

Todos sabemos do importante labor dinamizador das asociacións culturais, en especial aquí nesta comarca. O seu papel é moi importante e seguramente non se valora como se debera; dende as asociacións promoven infindade de actividades culturais, sociais e deportivas.

Unha delas é a asociación cultural A Pomba do Arco, por exemplo, que organiza as xornadas de historia local e promove presentacións e actos culturais de relevo ao longo do ano. Hoxe mesmo presenta Francisco Rodríguez o seu libro sobre Galicia e a situación do noso idioma na librería Bahía por iniciativa desta asociación. (20.30 h.).

O mesmo poderiamos dicir da asociación Francisco Lanza en Ribadeo, que tamén hoxe se encarga da presentación da novela de Fran Lorenzo, «Cabalos e lobos», gañadora do Premio Blanco Amor, pero que organiza múltiples actividades ao cabo do ano.

Ou Pensamento e Sementeira en Viveiro e tantas outras que non podo relacionar pois quedaría sin espazo. Asociacións que promoven sendeirismo, teatro (que tan boa acollida e tradición ten aquí na Mariña o teatro amador), actos musicais, deportivos, sociais.

En fin, o noso recoñecemento dende aquí, dende estas páxinas, a tantas asociacións que dán vida e pulo cultural e social á Mariña ao longo do ano, en especial agora no outono e no inverno cando todo decae. Por ese dinamismo seu que nos contaxia.