¿Malos tempos para a lírica?

DAVID BELLAS, MÚSICO OPINIÓN

A MARIÑA

22 nov 2015 . Actualizado a las 18:52 h.

Non son unha persoa que preste demasiada atención ás onomásticas, principalmente polo feito de que a maioría non deixan de amosar o lado máis noxento do ser humano, polo feito dos martirios sufridos polos beatificados; máis neste caso por petición deste medio, non podo pasar por alto o día da patrona dos músicos, poetas e cegos, prestando moita atención a estes últimos.

Vivimos unha etapa de ceguera permanente na que a música e as artes, a filosofía, en xeral tódolos campos da episteme viven relegados a unha esquina do pensamento duns poucos, a prostitución dunha educación que non é tal, a alienación do individuo por interés dun sistema obsoleto e postmoderno no que prima o envoltorio e non a esencia, un pequeno burgués mol que diría o meu querido Miro Casabella.

Nunca vivimos unha etapa con tantos músicos brillantes cunha alta formación e sensibilidade, tanta creatividade polas catro esquinas do noso antigo reino, máis onde están? Ou mellor dito, onde se lles permite estar? As institucións, en moitos casos deixaos fora, non gostan do ar novo nun lugar que cheira tanto a fechado ao máis puro estilo de novela kafkiana, outra opción é a distancia, como dí a canción: «Contigo en la distancia amado mío estoy», pero paréceme tan inxusto, tan vil e tan parvo ter lonxe todo ese talento.

Non sei se chegará o momento en que a situación mude, e sexamos consecuentes e vexamos que sen música non podemos existir, sine musica nula vita que dicía o Nietzsche, pero ímoslle pedir este milagre a Santa Icía nesta data.