As fabas de Lourenzá ben conservadas

fran bouso

A MARIÑA

A faba de Lourenzá en conserva con bacallau (foto superior no prato), presentouse en Xantar Ourense
A faba de Lourenzá en conserva con bacallau (foto superior no prato), presentouse en Xantar Ourense

O escritor e mestre Fran Bouso probou estas novas conservas e escribe as súas impresións

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezo a escribir este artigo co sabor das ?Fabas de Lourenzá con bacallau? aínda en contacto coas miñas papilas gustativas, deixo o cepillado dental para máis tarde. Estamos en tempo de entroido e o que impera por estas datas é o cocido, pero unha gastronomía rica e variada como é a galega ten cabida para outros moitos pratos, desde hoxe para un máis preparado en conserva con produtos de primeira calidade como son as legumes laurentinas.

Cando se achega a hora da cea e despois de visitar Xantar (a feira gastronómica na que se presentou e se comezou a comercializar este produto) cumpro co que me propuxen nada máis coñecelo, preparar para o seu consumo as fabas con bacallau. Na etiqueta que envolve a lata ofrece dúas formas de preparación: dous minutos no microondas a temperatura media ou quince ao Baño María. Por intuición propia e tamén por consello de quen mo vendeu, optei pola segunda modalidade, deste xeito potenciouse máis o seu sabor.

Unha vez que pasou o tempo recomendado retirei a lata da auga quente e non sen certo medo a queimarme, abrín a conserva para depositar o seu contido nun prato fondo. Nada máis pinchar o sistema de fácil apertura, un rico aroma chegou á miña pituitaria e os zumes gástricos e a saliva xa comezaron a fluír. O simple vertido do contido deixa unha presentación axeitada que podemos mellorar recolocando os pedazos de peixe cara a superficie. Tiña preparado enriba do mantel culler e garfo, finalmente decanteime pola primeira.

O bocado inicial foi de varias fabas bañadas en prebe, o tamaño das legumes é o axeitado e a textura agradable ao padal, algo que é moi de agradecer en calquera prato. As fabas e os pedazos de peixe estaban íntegros, algo que non sempre sucede noutros preparados parecidos que temos no mercado. Un toque salgado, non excesivo para unha preparación que leva bacallau serve de porta de entrada e anima a continuar coa degustación. Nas preparacións de pratos que levan fabas eu son moito de mollar pan, a cantidade de mollo é suficiente.

O contido (400 g) é suficiente para a cea, un iogur para a sobremesa podería ir ben, pero a min non me fixo falta (quería manter o sabor mentres escribo isto). Se se tratara dun xantar, sería preciso un segundo prato non demasiado forte e sobremesa, vénseme á cabeza unha ?mousse? de limón.

Mentres escribo este texto reviso o etiquetado e fíxome que indica: Alubias (40%), pulpo (15%) -obviamente un erro de imprenta-... Unha pena que non se empregue o noso idioma. A presenza de ingredientes que levan ao seu carón unha indicación alfanumérica entre paréntese non é excesiva. Na parte central do papel aparece unha ilustración da catedral de Santiago cuns peregrinos na praza do Obradoiro, ben podería estar a fachada da igrexa do convento de Lourenzá que foi deseñada polo mesmo arquitecto que a compostelá.

A Sociedade Cooperativa Galega ?Terras da Mariña? comercializa esta especialidade a un prezo de 6 euros a lata, que trae unha ración. Evidentemente vai dirixido a un mercado ?gourmet?, pois a mesma cantidade nunha presentación parecida (fabada) custa entre un 1,05 euros (marca branca) ou 1,70 euros (a lata dunha marca asturiana).

?Fabas de Lourenzá con ameixas?, ?Ensalada de fabas de Lourenzá?, ou ?Fabas ao estilo tradicional? (fabada) son outras das especialidades gastronómicas en conserva coas que están experimentando os cooperativistas da Mariña e que en breve estarán no mercado. O produto base é laurentino, pero a elaboración e o envasado faise nunha conserveira de Caldas de Reis. Imaxino que si a aceptación no mercado é boa, cousa que presumo e desexo, os emprendedores mariñáns saberán aproveitar para que as plusvalías permanezan na comarca e sexan unha fonte de xeración de postos de traballo. Coñezo as fabas de Lourenzá desde comezo dos 90 do pasado século, cando as degustei na Feiramostra ?As San Lucas? da man dunha das pioneiras, Teresa Recalde de Fabas O Pontigo. Desde aquela vin como o prestixio deste manxar foi en aumento e con iniciativas como esta seguro que o seu teito aínda está por descubrir.