Burela solicita axudas á Xunta para contratar a 40 personas

La Voz

A MARIÑA

O alcalde Llano confirma o plan de emprego municipal

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Burela vén de solicitar subvencións á Xunta para proceder á contratación de preto de 40 persoas ao longo dos vindeiros meses, segundo deu a coñecer onte o alcalde, Alfredo Llano. O rexedor reiterou que «nos orzamentos deste 2016 destinaremos unha partida económica importante para o plan de emprego municipal que queremos levar adiante».

«O noso obxectivo -explica- é favorecer a inserción laboral. Queremos que poidan atopar un posto de traballo os nosos rapaces e tamén os desempregados de larga duración. Estamos a estudar a cantidade que destinaremos a este fin, pero a falla de emprego é algo que nos ten moi preocupados».

O Concello burelés, segundo Alfredo Llano, «solicita 10 socorristas, a través dos plans de cooperación da Xunta, para que se encarguen de velar pola seguridade dos usuarios das nosas praias durante o verán. Ademais pedimos a contratación temporal de persoas perceptoras da Risga, queremos contar con 3 xardineiros, 4 peóns de obras e 2 conserxes».

O alcalde indicou ademáis que ?tamén a través dos plans de cooperación demandaremos subvencións para contratar a 1 traballador para o barco museo Reina del Carmen; a 1 traballador para a oficina de turismo, xa que a queremos ter aberta máis tempo; a 2 xardineiros; a 1 peón de obras; a 3 conserxes para as dependencias municipais; a 2 auxiliares de Policía Local e a 2 auxiliares administrativos. E tamén queremos proceder á contratación dun ou dunha orientador/a laboral durante un período dun ano».

Burela solicita tamén unha subvención para levar adiante un proxecto de eficiencia enerxética do alumeado público.