«Se chove, que chova... pero ao que de verdade lle temos medo é ao vento»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Manuel Insua e Manuel Rivera sempre sacan un sorriso á xente no desfile de Viveiro

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un é Manuel e o outro tamén. Manuel e Manuel, un Insua Díaz de apelidos e o outro Rivera. Ambos de Viveiro. Son almas xemelgas e parella de feito ex profeso para o Antroido, a época do ano na que forman un dúo humorístico que toma as rúas da vila. Como faran hoxe, no seu papel.

-Bueno, a ver como vén o tempo...

-A ver se temos sorte. Se chove, que chova... pero ao que de verdade lle temos máis medo é ao vento. A razón é que levamos un tendentere que vai algo alto.

-¿Non teñen máis medo a pillar unha pulmonía ou algo así?

-En principio non, porque imos abrigados.

-Vendo algún disfrazado, todo escotado... é para pensar, despois desta, baixa seguro.

-Algún ano pudo pasar... pero este non. Non imos en minifalda.

-¿Nunca foron de mulleres?

-[M. Insua] En parella non, pero eu en individual si. Non son moito de disfrazarme de muller, só se o guión o require, como foi nunhas Alpuxarradas nas que, no meu caso, ía vestido de anciá.

-¿Pásalles o Antroido algunha factura en forma de estrés?

-Nerviosos, nerviosos non estamos pero cando vemos que se aproxima a data... Primeiro miras en que cae, despois empezar, ver que eventos podemos facer, que está ocurrindo este ano coa política, que imos facer, discurrir, sacas dous ou tres temas...

-Pois este ano andarán sobrados de temas en política... ¿Canto tempo levan xuntos?

-[M. I.] Boa pregunta. Dende que morreu miña nai, hai seis anos. Tiven un baixón. Sempre competiamos un contra o outro, se non gañaba el, gañaba eu o premio. El tirou de min e díxome de ir en parella. E grazas a el volvín a saír porque senón... Fora nestas datas cando falecera ela.

-Como unha especie de catarse... e tirar para adiante, ¿non?

-Dis ben, porque é así.

-¿Como vai o Antroido 2016?

-O problema é que tendetere fas. O problema é que este ano caeunos moi arriba, moi cedo e pillounos de imprevisto.

-¿Cales das súas «performances» de rúa gustaron máis?

-Hai varias. Cando fomos metidos nun váter, de Urdangarín e do Rei, cun cartel que dicía «Pillín pillín la has cagado Urdangarín» e Urdangarín «Tranquilo su Majestad que el pueblo y la clase baja lo pagarán». O papel hixiénico eran billetes de 500 euros. Outro ano íamos de dobles ananos, que tamén ben. Outro do xeriátrico e outro dun quirófano con outro cartel que poñía «Para sobrevivir eche moneda».

-O de hoxe, mellor non desvelar.

-O que pretendemos é que a xente o pase ben. Non sei se este ano o conseguiremos. Foi algo apurado pero é moi traballado, dándonos as catro da mañá con iso.

-¿Que lles di a familia, «Manolo, vente xa para a casa»?

-Xa están acostumados.

-Algún ano, ¿houbo algún estropicio ou saiu mal o invento?

-Si, tivemos estropicios pero da propia carroza ou carrito que levabamos. Nunha das últimas ocasións rompeunos na última curva chegando á praza, eu caín (M. I.) e a xente esconojándose de risa pensando que o faciamos a posta. Case houbo que pillar o equipo de ?excarcelación? para sacarme.

-¿Como é o día de voltar á rutina?

-Bueno, collemos un día relaxado, sen moito ánimo, desfacendo todo e o que poidamos aproveitar deixándooo de recordo. Despois xa pasamos á Semana Santa, que estamos metidos en todo. Iso si, cando hai que estar serios, estamos serios, ¿eh?

-O disfraz perfecto sería...

-Non sabemos. Cada ano intentamos mellorar.

Eles son. Manuel Insua Díaz e Manuel Rivera, parella que participa no Antroido viveirense dende hai uns seis anos aproximadamente. Antes competían pero por separado, individualmente. Unhas veces inscríbense co nome da personaxe, outras con nome «Os Manolos».

Cando. Hoxe no desfile local.