En Foz temos area para repoboar tódalas praias da Mariña

Alberto Burundarena, presidente da Asociación A Ribeira de Foz

A MARIÑA

Dúas imaxes actuais da ría de Foz que demostran canta area está acumulada no seu interior.
Dúas imaxes actuais da ría de Foz que demostran canta area está acumulada no seu interior. a. r.

11 may 2016 . Actualizado a las 13:23 h.

Apiques de chegar a época estival son moitas as praias mariñanas que se atopan descarnadas de areas, vamos que máis que areais son auténticos pedreiros; Covas en Viveiro, Arealonga en Nois (Foz), a Arealonga de Barreiros, etc...

A que se debe?

O certo é que os temporais inflúen si, sempre se descarnaron de areas as praias durante o inverno e se repuxeron solas nos veráns, pero ultimamente a cousa está a cambiar: xa non se repoñen as praias, a area non volve na medida na que se vai.

A causa real deste fenómeno, a que vai marcar e determinar o futuro inmediato destas praias, é o cambio climático e a subida irremediable do nivel do mar; din que uns tres milímetros e medio anuais durante estes oitenta últimos anos. E a pesares de que cando eramos pequenos estudamos no colexio que estabamos sitos na península ibérica, na parte que se elevaba sobre o nivel do mar, namentres que a zona sur en teoría se fundía lentamente, a realidade móstranos que o mar xa nos esta chegando os nocellos, e isto parece non ter solución a curto prazo.

A pesares de estas conclusións, que poden ser discutibles ou non, podemos ler dende xa vai tempo as queixas dos concellos mariñaos respecto das perdidas das súas praias, e as súas posibles solucións a cada cal máis pintoresca; que si mover area de aquí para alí, que si sacala de unhas zonas de dunas protexidas, que si deixar a ver si se repoñen solas, que si facer un dique de contención, que si moven area teñen denuncia ecoloxista ou dos surfistas como pasou en Mundaka-Euskadi recentemente, etc, etc, etc ...

Ben; en Foz se algo nos sobra e que estamos desexando nos saquen de enriba é area. Area de cunchas, limpa e pura, area fina e branca de alta calidade para as praias, a mesma area que nutre a praia da Rapadoira e Altar ambas con bandeira azul dende fai moitos anos.

Desexando sacala da nosa ría

Area de fácil extracción e que sin ser a solución final para os males da nosa ría (isto merece un capítulo aparte), esta aliviaría a situación actual de afogamento da nosa ría. Non falamos do dragado dos peiraos, non falamos deses fangos, falamos de area que xa no seu tempo se usou para facer a praia de bandeira azul do Portelo en Burela ou para reencher a praia de altar en Barreiros ou a mesma praia da Pampillosa en Foz. Area que se sacou da ría de Foz e da súa canle, area que vai dende os antigos estaleiros ata a punta do faro da praia da Rapadoira.

En fin... que en Foz temos area para repoboar tódalas praias da Mariña.

E que se queren seguir loitando contra o inevitable e rexenerar as praias, so teñen que vir buscala que estamos desexando sacala da nosa ría, onde, unha vez máis por culpa da man do home, entra pero non escapa. Curiosa antítese co que pasa nas nosas praias...