Antón Vilar Ponte, o viveirés fundador das Irmandades da Fala

CARLOS NUEVO CAL CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO

A MARIÑA

18 may 2016 . Actualizado a las 08:45 h.

Antón Vilar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936) é, sen dúbida, un dos persoeiros máis poliédricos e prolíficos da Galiza da época. A súa importancia como impulsor das Irmandades da Fala, animador cultural, xornalista, autor teatral, ensaísta, orador e activista político fan del unha figura doutrinaria imprescindible en canto á formación da conciencia nacional galega do século XX.

De ideoloxía inicial republicano federalista, comezou no Grupo Xerminalista viveirés para militar despois no Comité de Unión Republicana, dirixido polo médico mindoniense Leiras Pulpeiro, personaxe que exercería grande influencia nel, en canto á identificación co idioma galego e co tema histórico pardoceliano. Polas mesmas datas produciuse o seu achegamento ao rexionalismo colaborando coa Revista Galega de Galo Salinas, voceiro dende o cal promoveu a idea de fundar unha Liga de Amigos de Galicia (1905), claro antecedente da constitución das Irmandades da Fala. Porén, a ruptura de Vilar Ponte cos rexionalistas produciuse en 1907 por mor das tensións producidas na Academia Galega e polo debate sobre a "Solidaridad Gallega", chegando a acusar aos solidarios de "separatistas e reaccionarios". Logo da ruptura emigrou a Cuba, onde participou en distintas iniciativas culturais relacionadas coa prensa e co teatro.

De volta á Terra formou parte da redacción de La Voz de Galicia e dende as súas columnas lanzou o coñecido chamamento para a constitución das Irmandades da Fala, formándose a primeira de todas na Coruña: o día 18 de maio de 1916. Unha iniciativa que ía marcar un antes e un despois na xénese do nacionalismo galego actual, pois conseguiría a adhesión de personaxes tan significativos como Lousada Diéguez, Porteiro, Lugrís, Viqueira, Peña Novo, Castelao, Risco, Otero Pedraio, Quintanilla e un longo etcétera. Coa crecente implantación das Irmandades nas principais vilas e cidades de Galicia e a fundación de A Nosa Terra como voceiro, os galeguistas aprobaron o Manifesto Nacionalista na Asemblea de Lugo (1918), reivindicando a plena identidade de Galiza como nación. En adiante, o nacionalismo, colocaríase na vangarda de múltiples iniciativas ideolóxico culturais como a fundación de diversas editoriais, publicacións, revistas e institucións científicas como o Seminario de Estudos Galegos (1923).

Na Asemblea de Monforte (1922) produciuse a coñecida escisión do nacionalismo que supuxo a separación da Irmandade coruñesa e o nacemento da ING, baixo a dirección de Risco e da que formaría parte, inicialmente, o noso protagonista. Logo desencantado, Antón continuou coa súa esforzada labor propagandística en distintos medios xornalísticos e propugnou, sen éxito, a constitución dun Partido Liberal Autonomista Galego, ata que en 1929 cofundou a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), xunto con Casares Quiroga. Na organización republicano galeguista, da que foi elixido deputado estatal, Vilar Ponte padeceu un verdadeiro calvario debido as múltiples desavinzas xurdidas e ao carácter sucursalista da mesma. Finalmente, en 1934 pediu a alta no Partido Galeguista, saíndo a recibilo Castelao, aínda que as Mocidades fixéronlle o baleiro. Nos anos previos a súa morte, acontecida en marzo de 1936, reivindicou a validez da súa obra e a necesidade dun nacionalismo progresista.