«Aprecio moito este nomeamento, fai ilusión si, xa tiven ocasión de dicilo», asegura Gutiérrez

Miguel Sande Corral
M. SANDE RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Gutiérrez -como todos vostedes saben xa- ten unha longa traxectoria política, honesta e de compromiso. Alcalde, parlamentario, pero como mestre e historiador que tamén é estoutra dimensión intelectual da figura de cronista (e non é que a faceta de político non a teña) resúltalle a estas alturas máis agradecida e, de seguro, satisfactoria. Sempre coa serenidade que dá a experiencia e a vida, a idade. Tamén o coñecemento.

«Aprécioo moito, xa tiven ocasión de dicilo durante o acto oficial -dicíanos onte, despois de ser nomeado primeiro Cronista Oficial de Ribadeo- e fai ilusión, claro que si». Na súa intervención fixo fincapé naturalmente na historia de Ribadeo, no século XIX, subliñando os aspectos históricos, os anecdóticos e os persoais. Sabe que este nomeamento ha depararlle satisfaccións, máis que a política, «iso seguro»; de primeiras xa supón un recoñecemento a un labor intelectual. El é, sempre o foi, un estudoso da historia local; coñecer a historia local, propia, é fundamental para fortalecer as raíces dun pobo e que teña unha identidade de si.

Parabéns sinceros a Eduardo Gutiérrez. Ribadeo polo seu privilexiado enclave ten unha historia propia, rica, destacada en Galicia. Punto de referencia. A partir de agora ten a persoa, o intelectual apropiado para contárnola.