«Na pelexa, que foi contundente, había xente de Burela pero non caboverdianos»

La Voz

A MARIÑA

26 jul 2016 . Actualizado a las 21:15 h.

«Dá a impresión de que o alcalde de Foz non sabe do que fala, senón que alguén lle contou algo sobre o acontecido e sobre iso fai as súas declaracións. Teño que dicir que en principio estou en contacto coa Garda Civil e con testemuñas que estiveron na festa en San Martiño e na pelexa que, ao parecer foi máis contundente, radical e desenfrenada do que din, había algunha xente de Burela, pero o que non había era caboverdianos. Que digan que alí había moita seguridade e que despois traten de esquivar responsabilidades pasándolles as culpas a outros paréceme que é unha forma moi pouco prudente de actuar e nada elegante e di moito en contra deles, que deberían facer autocrítica de por qué suceden estas pelexas unha edición si e outra tamén», declara Alfredo Llano.

«Ata onde eu sei -continúa- a xente de Burela que puido participar nesa trifulca non tivo nada que ver de xeito voluntario, non foron os que iniciaron a pelexa e foron os que levaron a peor parte, porque hai unha persoa hospitalizada e hai outros que foron dados de alta hai pouco».

«O que hai que facer cando se producen este tipo de feitos -como fixemos aquí en Burela hai uns meses cunha pelexa na que ían participar xente da zona da Mariña, da Terra Chá, de Chantada, etc?-, o que fixemos foi resolver o problema desde aquí cos medios ao noso alcance e sen culpar aos que viñeron de fóra a pelexarse aquí a Burela. Non se trata de botar balóns fóra e botarlle as culpas a outros», señalaba un ofendido Alfredo Llano.