Solucións de rutina

La Voz O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

27 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

ando a néboa no alto do Fiouco impide a visibilidade suficiente para unha condución segura pola A8, a N634 á altura da Xesta non se ve afectada polo mesmo fenómeno? É máis seguro conducir por unha estrada convencional con calzada única para os dous sentidos da circulación en circunstancias de visión reducida que por unha autovía?

En situacións de escasa visibilidade por presencia de brétema, pode un transporte especial circular con normalidade ou sería máis recomendable que se detivera nun lugar seguro á espera de que as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables?

Eu non sei con certeza se a néboa afecta de igual maneira no Fiouco e na Xesta acotío, pero o xoves, 23 de xuño deste ano, a media tarde, a A8 estaba pechada por causa da brétema desde Galgao e os vehículos que circulábamos en sentido Oviedo fomos desviados pola N634. O tráfico era lento en sentido descendente e intenso nos dous sentidos da circulación (o venres era festivo). Cheiraba a queimado. Conducir nesas condicións era inquietante, moito máis ata que se puxeron tres ou catro coches detrás do noso. De vez en cando notábanse, entre a brétema, uns escintileos alaranxados que facían intuír unha situación de perigo do que se descoñecía a orixe.

Despois duns cantos quilómetros de baixada, a néboa foise facendo cada vez menos mesta, daquela poidemos ver como 4 ou 5 coches por diante circulaba un camión de transporte especial que portaba pezas dun aeroxerador. Evidentemente osflashes procedían das luces rotativas daquel vehículo e da furgoneta que o precedía. Non sería máis seguro para o tráfico que ese convoi especial circulara pola autovía en solitario? Este simple feito faime pensar que non sempre se toman as medidas máis oportunas para solucionar un problema. Nun momento determinado tómanse unhas decisións e estas acábanse convertendo en rutina, moito máis cando o tempo vai pasando e os problemas non atopan solucións satisfactorias. Dous anos despois do accidente múltiple no que perdeu a vida a unha veciña de Barbadás que traballaba como enfermeira na ambulancia medicalizada do 061 de Foz e que abandonou o seu vehículo para socorrer aos feridos no medio do caos, fíxose algo verdadeiramente efectivo para corrixir as múltiples dificultades que presenta a Autovía do Cantábrico entre Lourenzá e Abadín a maior parte dos días do ano?