pescadeRías acredita a calidade

La Voz C. M./ VIVEIRO

A MARIÑA

28 jul 2016 . Actualizado a las 17:27 h.

O selo pescadeRías é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta de Galicia que acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e comercialízanse por empresas situadas na Comunidade Autónoma.

Con este selo os produtos do mar procedentes da frota artesanal diferéncianse claramente. Os produtos pesqueiros ao levar un distintivo, poden ser distinguidos con facilidade no mercado co que se atopa o consumidor a diario. Estes produtos son para o consumidor unha garantía de frescura e calidade, de respecto ao medio ambiente e de aplicación dunhas prácticas hixiénicas e de manipulación adecuadas por parte das empresas que os puxeron no mercado.

As empresas certificadas

Na actualidade, as empresas certificadas pola marca pescadeRías son 33 lonxas, 15 centros de depuración, expedición e cetáreas, 13 distribuidores e 10 empresas de transformación.

Á marca pescadeRías están adheridas neste intre 114 empresas minoristas e 85 restaurantes. Entre estes establecementos están todos os paradores nacionais da Comunidade Autónoma e a maioría dos restaurantes que contan con estrela Michelín en Galicia.

Os produtos que saen certificados con selo pescadeRías son peixes, crustáceos, moluscos, bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, equinodermos, algas e antozoos.

As lonxas que máis expiden

As que expiden maior cantidade de produto con selo de PescadeRías no 2015 foron Lonxa de Noia (Testal), Lonxa de Noia (O Freixo), Lonxa de Malpica, Lonxa de Cambados, Lonxa de Fisterra, Lonxa de Campelo, Lonxa de Cangas, Lonxa de Bueu, Lonxa de Barallobre, Lonxa de Baiona.

E no que vai do ano 2016, as lonxas que expiden maior cantidade de produto con selo de pescadeRías son Lonxa de Portonovo, Lonxa de Cangas, Lonxa de Fisterra, Lonxa de Bueu, Lonxa de Rianxo, Lonxa de Aguiño, Lonxa de Campelo, Lonxa de Noia (Testal), Lonxa de Corcubión e Lonxa de Cambados.

Peixes, bivalvos, algas, crustáceos, cefalópodos, antozoos ou equinodermos, algúns dos productos que ampara pescadeRias.