Foz, urbanismo a medio humanizar

Lorena Seivane, concelleira do BNG en Foz FORO PÚBLICO

A MARIÑA

18 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Foz nos próximos anos vaise proceder a humanizar as avenidas da Mariña e de Álvaro Cunqueiro, unha obra de arredor de 2 millóns de euros moi demandada polos comerciantes e un lavado de cara que boa falta lle fai ao pobo. A corporación municipal ao completo decidiu apoiar este investimento no que tamén colaboran a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia.

No BNG de Foz estamos de acordo con todos aqueles investimentos que supoñan unha mellora para o pobo e para os veciños, mais agora que se achega o momento de levantar as beirarrúas e picar as estradas, xórdennos moitas dúbidas: non estaremos empezando a casa polo tellado? Pensamos que antes de acometer unha obra tan importante debería elaborarse un estudo ou plan de mobilidade previo para buscar alternativas ao tráfico, que nos diga cantos coches entran en Foz por cada unha das avenidas, cantos destes se quedan nos garaxes, cantos só cruzan a vila, cantos veñen mercar...

Humanizar o centro da vila debería ir unido a facela o máis peonil posible, un modelo similar ao das Catro Rúas de Ribadeo, onde poder camiñar, comprar ou tomar algo sen preocuparnos do paso dos vehículos. É ese o modelo que busca o goberno municipal? Preténdese peatonalizar ou semipeatonalizar? A resposta parece un non bastante claro, cando de entrada non se reduce o número de prazas de aparcamento no centro e polo tanto non se reduce o tráfico e non hai estudos finais de aparcadoiros disuasorios suficientes.

Vaise promover o uso da bici polo centro para darlle continuidade ao carril bici da costa? Se é así, que velocidade será a máxima para os vehículos? Poderemos convivir peóns, ciclistas e coches? Ou só vamos investir tal cantidade de euros en cambiar baldosas e farolas, levando a cabo así un cambio de estética pero non de modelo urbano? Por que non aproveitamos para pensar en facer un acceso central a Foz que reduza o tráfico no centro e dinamice a zona para o comercio? Non sería mellor habilitar un dobre sentido en Álvaro Cunqueiro e peatonalizar definitivamente Avenida da Mariña?

É o momento de valorar todas estas cuestións e algunha máis, de pensar o modelo urbano que queremos para Foz, de escoller o futuro urbanístico da nosa vila, de decidir se queremos un Foz para as persoas ou para os coches. Non deixemos escapar esta oportunidade.