Hai 50 anos: farmacia en Celeiro

VICENTE MÍGUEZ

A MARIÑA

O primeiro establecemento local abría o 22 de xullo de 1966 da man de Luis Varela y Álvarez de Toledo

24 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 22 de Xullo de 1966 o farmacéutico viveirés Luis Varela y Álvarez de Toledo inauguraba na Porta do Sol de Lavandeiras a primeira farmacia de Celeiro. Alí vai permanecer aberta ao público cun posterior traspaso durante sete anos a quen mantería a praza en propiedade, a pontevedresa, da Cañiza, Lidia Mera Rancaño. A farmacia trasladará a súa asistencia ao 4 da Rúa Lavandeiras, e dende o 14 de Setembro de 1988 tomaría posesión o actual farmacéutico, Pedro Michelena Miranda, dignísimo continuador dunha familia de médicos con renome. Este verán cúmprense 50 anos, medio século de vida dando vida á parroquia: parabéns!

A celeirense Toñita Ladra Cociña sería a dependenta durante 43 anos, 9 meses e 7 días. Toda unha vida. Fixera as prácticas ao longo de doce meses na botica de Luis Varela en Viveiro. A cidade é berce dunha pléiade de farmacéuticos que xeración tras xeración constitúen sagas de prestixio na tradición de farmacólogos dende o século XIX, tales como Emilio Casariego Gayol, Federico Meirás Bolaño ou Emilio Varela Rodríguez.

Houbo que facer un censo novo para xustificar a necesidade (poboación suficiente demandando tal servizo), ademais de cumprir coa distancia mínima ao dispensario existente no Pósito de Pescadores, 250 metros; de aí, teren que afastar o novo establecemento do núcleo urbano, onde se ubica a Confraría.

Conta Toñita que a primeira semana despachou a medio Celeiro esparadrapos, gasas, vendas, tiritas, algodón, alcohol, aspirinas, okales, mercromina? precisábase un botiquín na casa.

A granel

Que o alcohol servíase a granel: o cliente traía un envase propio -a botella dun xarope esgotado, ou dunha gaseosa, oranxe Crush era marca viveiresa de moda? e pedía, por exemplo, unha peseta de alcohol. As aspirinas tamén se despachaban a gusto do consumidor, dunha nunha, ou varias. Tiña un horario de garda permanente, de día, de noite, “e sobre todo, á hora de comer”.

No anecdotario (Toñita escacha de risa) lembra a un sólido bebedor, todo encapuchado, pedindo 50 céntimos de alcohol 96º; alí mesmo pimplaba a morro o etílico na cantimplora de peto, estilo oeste, e recuncaba á carga: “Bótame os outros 50 céntimos!”. Era o seu control do Sintrom.

Dunha vez, para estupor dos seus dezanove anos, un tórrido macho con xesto obsceno pediulle “unha pastilla de levante”. Ben deitou daquela a pudorosa dependenta dun veciño, O Reino, quen, calmante e socarrón, temperou ao paciente impaciente: “E logo non lle vale igual unha pastilla de Extremadura?”.

Vicente Míguez, secretario da Asociación Terras de Viveiro.