«É máis que probable que haxa un segundo deputado do PP da Mariña»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Apunta ao ribadense Daniel Vega, que tería a acta se alguén da lista provincial ten un cargo orgánico

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Balseiro, coordinador comarcal no Partido Popular, da por feito que haberá un segundo deputado da Mariña no Parlamento galego canda el. Sería o ribadense Daniel Vega, que ía de nove na lista provincial e que sería o primeiro en coller a acta no caso de que a alguén dos oito primeiros se lle asigne un cargo gobernamental ou orgánico. Iso parece máis que evidente, co cal, Daniel Vega será deputado. E así o deixa claro Balseiro: «¿Posibilidades? Hainas todas. Non son o presidente da Xunta, pero Dani ten moitas opcións de ser deputado. A Mariña pórtase ben co PP e nos somos o único partido que apostamos pola Mariña. Ningún outro partido vai ter presenza no Parlamento de Galicia, e nós é moi probable que teñamos dous deputados, que poden facer moito».

-¿Que valoración fai dos resultados?

-Moi positiva, sen dúbida. Gañamos en todos os concellos, pero non solo iso, senón que en porcentaxes estamos por enriba da media da provincia e da media de Galicia.

-Parece que deixa de ser noticia que o PP gañe en todos os concellos en determinadas citas electorais: xerais e autonómicas.

-A verdade é que si. Pero no caso da Mariña hai un dato moi importante, que é que o PP ten máis votos que todos os demais partidos xuntos; 19.926 do PP por 18.452 do resto.

-¿E a que atribúe este resultado?

-A que se fixeron ben as cousas e a que nos momentos difíciles A Mariña estivo sempre presente nas decisións da Xunta de Galicia.

-¿Que parte do mérito ten Feijoo?

-Digamos que tomou decisións importantes para A Mariña. A inversión no Hospital da Costa, 20 millóns que están agora na fase inicial; o primeiro tramo do corredor na comarca se licitou, adxudicou e comezou co goberno do PP; o acceso ao porto de Burela; votar para que o servizo de gardacostas estivera operativo as 24 horas do día os 365 días do ano... Foron cousas importantes, porque os orzamentos da Xunta si que se reduciron.

-¿Hai risco de morrer de éxito?

-Non. O que se fai é traballar.

-¿Son extrapolables de algún xeito estes resultados ao ámbito local?

-Non. Cada elección é distinta, e as municipais máis. Pero de enfocar unhas eleccións municipais co goberno da Xunta a non telo, hai moita diferenza.

-¿Sorprendeulle algún resultado en particular de algún concello?

-En xeral, toda A Mariña. O 53% dos votos foron para o PP, o que supón unha maioría aplastante en tempos nos que non hai maiorías absolutas. Pero nós fixemos unha campaña moi forte. Por aquí pasaron conselleiros, Feijoo, o presidente do goberno, e iso veuse recompensado

-¿Melloran os resultados as súas expectativas?

-Traballamos moito, pero sinceramente, si.

josé manuel balseiro

Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo encaraba as súas primeiras elecciones autonómicas como presidenta provincial del PP. ¿Cómo ve os resultados? «A nivel local é positivo, vexo que o partido, de elección en elección, vai obtendo mellor resultado e interpreto como que se está facendo unha valoración positiva da nosa xestión. Co total humildade, pero vexo que hai unha boa receptividade na xente e iso anímanos a seguir traballando e construíndo os compromisos. Estas eleccións eran importantes porque fixen un esforzo de traducilas en clave local, porque o feito de continuar co goberno da Xunta ía permitir consolidar proxectos que eran importantes para Mondoñedo que tiña iniciados e outros que teño en mente. Agradezo ó equipo de interventores, apoderados e compañeiros que traballaron porta a porta e agradézollo sobre todo ós veciños».

¿A nivel provincial?. «Fago tamén unha valoración positiva, superamos os porcentaxes das eleccións anteriores e a pesar de ter varias alcaldías menos, que hai que telo en conta polo que mobilizan os alcaldes, reproduciuse a boa percepción que tiñamos na calle».