Ana Ermida: «É un punto de inflexión para nós; moitos nos daban por mortos»

j.a

A MARIÑA

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Ermida, responsable comarcal do BNG, di que o resultado das eleccións é agridoce. As forzas de esquerda non conseguiron evitar a vitoria do PP, pero para o BNG, ao que moitos daban por morto, supoñen un punto de inflexión, ilusionante, para articular de novo unha alternativa. «En clave galega, evidentemente lamentamos que continúe o PP, non por ser o PP, senón polas políticas que leva aplicando e que probablemente vai seguir aplicando estes próximos catro anos. É un sentimento contraditorio, porque o BNG partindo da situación que partiamos non son os resultados desexados, pero non son malos. Aguantamos e permítenos iniciar un novo proceso. Pero ten a contraparte de que non son os resultados polos que traballamos, que eran derrotar ao PP e poder adoptar outro tipo de políticas. E ao final a comarca queda practicamente sen ningún tipo de representación. Sei que Olalla Rodil vai ser unha grande representante da comarca, pero tendo en conta como foi tratada A Mariña nos últimos anos, era preciso darlle unha volta para que tivera o peso que realmente ten. Agora, desgraciadamente, supoñemos que todo seguirá na mesma liña».

A comarca

«Na comarca penso que mantivemos o tipo, aínda que baixamos, tendo en conta outros procesos electorais. É un punto de inflexión. Moitos daban por morto ao BNG , ninguén apostaba porque tiveramos un grupo parlamentario e vese que non foi así. Permítenos albiscar un futuro prometedor e con ilusión. E iso si que se palpa», engadiu Ana Ermida, que con todo non pon panos quentes: «Non houbo capacidade da esquerda de facerlle fronte ao PP, e non a houbo para amosarnos á cidadanía como unha alternativa ao PP. Nós fixemos o que puidemos, pero non chegou».