«Penso que si Hernán Naval vise hoxe a escola que creou estaría satisfeito»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

Destaca a aposta do Concello pola educación e di que é moi gratificante bater o récord de alumnado, con 338

17 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No seu mellor momento. Así está a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que dirixe Hugo García Presno. No ano 2014 bateu o seu récord de matrícula, con 313 alumnos; en 2015 volveuno a facer, con 320, e neste novo curso supérase de novo, con 338 alumnos matriculados de 4 a 69 anos. Certo é que o centro supón un custe elevado ao Concello, pero con estes datos enriba da mesa a súa rendibilidade educativa e o impacto en Ribadeo é indubidable. A escola conta con 14 profesores, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, garantindo o modelo que impulsou o seu primeiro director, Hernán Naval, que cada alumno dispón dunha atención especializada e individualizada en cada un dos instrumentos que imparte a escola.

-Novo curso e novo récord.

-Certo. A valoración é moi positiva, porque demostra que a liña de traballo que se está a seguir, seguramente será mellorable, pero é boa. De cara a fóra vese o noso traballo como bo.

-¿E cal é o tope de alumnos?

-Pois moito máis non se pode abarcar, non solo economicamente, senón polas horas de profesorado, instalacións... Estamos chegando case ao límite.

-¿Algún cambio no novo curso?

-Hai anos introducimos gaita e este ano para complementar imos dar percusión tradicional, separada da percusión sinfónica.

-¿Que haxa 338 alumnos demostra que a aposta do Concello pola escola é a correcta?

-É unha aposta pola cultura, pero sobre todo educativa, e co relacionado coa educación xa se sabe que non vas cubrir gastos ou que o criterio económico non é o fundamental. É unha aposta importante e estamos moi agradecidos polo apoio recibido, pero tamén creo que a escola cumpre unha labor social, porque está en moitísimos eventos da vila, e os nenos fórmanse aquí. É un servizo rendible e a pesar do custe que ten, que non é algo exclusivo de Ribadeo, senón que pasa con todas as escolas de música.

-Ademais, en Ribadeo naide cuestiona a escola.

-Home, me imaxino que alguén si o fará, pero non creo que sexa un número moi elevado. Penso que a escola si conta con un apoio moi importante en Ribadeo.

-Escola, Amadores da Música, banda... tres entes distintos pero relacionados.

-Cando se creou a escola aló polo ano 1992 con Hernán Naval, Hernán viña co obxectivo claro de crear unha banda. O fixo, e tamén unha escola pequeniña en paralelo. Pero todo foi medrando e a pesar da vinculación que temos, xa que nos nutrimos un de outro, é preciso separar as cousas por cuestións organizativas e de traballo. Chegou un momento no que o director da banda non podía ser o da escola, por todo o traballo que había.

-Amadores di que hai un problema serio coa banda, porque faltan músicos de determinados instrumentos.

-Hai unha serie de materias que son estrela: guitarra, piano e percusión, que todos queren tocar, e iso ocasiona un déficit en outras materias, como os instrumentos de vento, que ao principio son menos agradables para ver resultados a curto prazo. Un piano tocas unha tecla e sona, pero para facelo con un instrumento de vento tes que ter unha formación previa maior. Esas materias que están repercutindo na banda tamén teñen menos alumnado na escola.

-Para o futuro da escola, ¿vanse incorporar materias?

-A oferta instrumental, de materias que ofrece a escola é tan ampla coma a dun conservatorio. Damos todo o que se pode dar, con 14 profesores. Non é habitual que haxa tanto profesorado, pero porque aquí se buscou unha especialización por unha cuestión de calidade educativa. Non hai que facer grandes cambios porque a escola está funcionando ben. As clases de instrumentos son de 45 minutos, individuais. Iso é un luxo.

-¿Pensa que se Hernán Naval vise a escola estaría satisfeito?

-Penso que si, porque se continuou o seu modelo. Cando a Xunta sacou en 1993 unha orde de funcionamento das escolas de música, foi o modelo de Hernán Naval o que seguiu. A norma di que hai que dar 30 minutos por alumno e nós o ampliamos a 45 minutos e sempre con clases individuais. Dende o principio esta escola apostou pola calidade.

-Bater o récord supoño que é gratificante.

-Para min, que estou a fronte disto, sendo de aquí, saíndo de aquí, da escola de Hernán, da banda, é un orgullo seguir con todo adiante. E sobre todo que haxa apoio por detrás, do Concello, de pais... E moi gratificante.

Alumnado. O centro conta con 338 matriculados neste curso, con idades de entre 4 e 69 anos.

Profesorado. Catorce docentes, un por cada unha das disciplinas que oferta.

Clases. Son de 45 minutos, individuais