Invertir en deporte

Iván Díaz Rolle
Iván Díaz OPINIÓN

A MARIÑA

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na piscina olímpica de Lieiro, en San Cibrao, no municipio de Cervo, vaise celebrar esta fin de semana o Campionato Galego infantil e júnior de natación. Segundo os datos facilitados pola federación autonómica, 315 promesas do deporte pertencentes a 24 clubs de toda a xeografía galega reuniranse no certame. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, foi máis alá onte, na presentación do torneo, ao afirmar que atraerá a unhas 800 persoas á localidade, rozando o cen por cen de ocupación hoteleira.

Como, ademais, se explica hoxe nas páxinas deste xornal, é a terceira vez no último ano e medio que un acontecemento deste nivel recala en San Cibrao. E polo tanto, tamén a terceira ocasión en 18 meses que o Concello de Cervo e A Mariña en xeral se benefician do carácter mediático destas competicións que van volver traer á comarca a centos de visitantes grazas ao traballo conxunto do Concello e o Club Natación Xove. E tamén a que o municipio cervense pode presumir de contar cunha das poucas piscinas olímpicas de Galicia.

Unha inversión que dá bos froitos e que demostra que apostar polo deporte tamén pode ter efectos económicos moi positivos. Ter máis instalacións deportivas deste nivel permitiría que A Mariña puidese acoller máis frecuentemente acontecementos de primeira orde, que a tanta xente atraen. Seguimos preguntándonos cando por fin haberá unha pista de atletismo en condicións na comarca, mentres é practicamente imposible contar o número de campos de fútbol que temos, moitos deles sen ser empregados habitualmente.