«A Mariña ten que recuperar o servizo de autopsias e ímolo reclamar na Xunta»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

«A comarca no seu conxunto é tan importante coma calquera cidade galega», reivindica Alfredo Llano

12 mar 2017 . Actualizado a las 22:57 h.

Ademais de negociar cursos para formar a socorristas, de reivindicar servizos públicos de tren e bus adaptados aos tempos de hoxe e de plantexar novas ideas para promocionar A Mariña no seu conxunto como un xeodestino turístico, desde a Mancomunidade de Municipios da Mariña impulsan agora unha nova reivindicación: que A Mariña recupere o servizo de autopsias no Hospital da Costa. Así o plantexa o presidente da entidade e tamén alcalde de Burela, Alfredo Llano. «Tanto desde o Concello como desde a Mancomunidade ímoslle solicitar ao Imelga a necesidade de que se cree unha praza de forense e de que A Mariña recupere as autopsias. A comarca ten que recuperar este servizo e nós ímolo reclamar na Xunta».

-¿Por que deciden dar este paso agora?

-Nunca se deixou de reivindicar, pero quizáis agora con máis forza e como unha reivindicación conxnta de toda a comarca. A Mariña, no seu conxunto, é tan importante como calquera cidade galega e temos que ter ese servizo. Ante calquera traxedia, ningún veciño debe ter que agardar horas por este servizo. Vivimos recentemente en Burela un tráxico suceso e a familia do falecido non merecía estar agardando alí na praia. No seu momento houbo moitas protestas das que participou xente que hoxe ten responsabilidade de goberno, como o señor Balseiro. E agora que ten a oportunidade, debería facilitar que A Mariña puidera recuperar este servizo.

-¿Como van as xestións para esixir mellores infraestruturas?

-A Mariña é a comarca da provincia con maior potencial económico, turístico, social... e para seguir medrando precisamos dunhas infraestruturas modernas. Non imos ceder nesa reivindicación. Non chega só con abrir ao tráfico un tramo de corredor de oito quilómetros.

-¿En que prazos acometerán as obras pensadas para mellorar o tráfico e a estética do centro de Burela?

-Nos vindeiros días comenzará os traballos de pintado da sinalización horizontal en varias rúas. Tamén se van amañar as beirarrúas e se van asfaltar calles. Xa estivemos tamén traballando no Paseo do Cantiño. Queremos mellorar a imaxe do pobo de cara á Semana Santa e para as festas.