Feve, que máis ten que pasar?

Andrés Vázquez Martínez FORO PÚBLICO

A MARIÑA

23 mar 2017 . Actualizado a las 17:10 h.

Un estudante de 18 anos súbese ao tren. É venres, o seu traxecto vai dende a cidade onde asiste á clase ata a súa vila. «A ver se non colle moito retraso», pensa o rapaz, agardando polo revisor. Cando este chega, con cara de tristura, dille ao estudante que hoxe tampouco funciona, que terá que esperar a que veña un bus. Horas despois, unha muller maior espera o tren na estación da aldea á que se dirixía o rapaz, pensando que vai mercar para o xantar do domingo, cando se xunta a familia. O tren está avariado e o bus, ao estar o apeadeiro lonxe, non pasa por alí. A muller continúa agardando sentada.

Ese rapaz ben podería ser eu e a muller miña avoa. Porque o que antes relataba comeza en Ferrol, pasa polo Vicedo e remata en Viveiro. O norte aínda viaxa en Feve, ese tren de fai 40 anos, sendo o principal transporte público. Ben, pois está a piques de desaparecer porque ninguén fixo nada para salvalo. Ninguén moveu un dedo pola Mariña, ninguén se esforzou por Ortegal e ninguén escoitou a Ferrolterra. Os seus responsables poñen buses pero, canto podemos aguantar así?

En Marea está a denunciar a situación no Congreso, o BNG no Parlamento galego e o PP, en Galicia, di que ten pensado actuar. Sen dúbida isto é bo, pero este ruxe ruxe non ten efectos. En Asturias, onde tamén «funciona» o Feve, a oposición pregunta ao goberno pero, na práctica, non hai resposta. Como ven, aló co PSOE é o mesmo que aquí co PP. Na vida real, Feve ten case todas as máquinas avariadas, non conta case con mecánicos que as arranxen, nin con novas tecnoloxías e, por culpa disto, caen os usuarios. Isto pode ser un motivo para deixalo morrer, pensarán algúns, xa que non hai necesidade nin cartos. Pero, se o Feve morre, centos de rapaces volverán ás súas casas en coche bébedos despois das festas no verán. Se o Feve morre, persoas sen carné só se poderán mover en taxis para ir nada máis que ao médico. Se o Feve morre, morre parte da Mariña, morren as noites de esmorga de centos de rapaces, morren unha parte dos ingresos dos comercios e, sobre todo, morre a pouca confianza dos mariñáns na clase política. Que máis ten que pasar?