«Algún ao que lle tocou achuchoume»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / AGENCIA

A MARIÑA

pepa losada

Repartiu 200.000 euros entre veciños de Burela e concellos limítrofes

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As coincidencias son unha constante na vida deste vendedor da ONCE. Como o feito de que Jonathan Díaz Remigio repartise 200.000 euros o pasado Día do Pai e que en pouco tempo el vaia a ter un dos maiores regalos que se poden ter na vida: un fillo.

-Cantos anos leva xa vendendo os cupóns da ONCE?

-Dez anos farán para setembro.

-Que circunstancias o levaron á súa ocupación laboral actual?

-Estaba traballando nunha empresa auxiliar de Alúmina Alumina cando tiven un accidente indo en camiño. Pasei 31 días en coma. Froito do accidente quedoume unha hemiparesia lateral esquerda. Tiña 16 anos e quería sacar rendemento da miña vida, non ser un pensionista máis. A única posibilidade laboral era meterme na ONCE. O accidente foi o 6 do 6 do 2000, exactamente ás 19.10 horas.

-Non se lle esqueceu.

-Chámalle equis ou coincidencias da vida. Un 6 do 6 do 2005 tamén faleceu, aos 16 anos, meu irmán, doutro accidente, ás 19.10 horas. Meu pai tamén tivera un accidente de moto, aos 16 anos... Son moitas coincidencias.

-Este traballo agora coa ONCE foi entón unha boa oportunidade.

-Moi boa oportunidade, despois de ter o accidente. Digamos que eu estaba antes traballando nunha empresa auxiliar, pero a raíz do accidente tiven a sorte de entrar na ONCE e así poder refacer a miña vida.

-É canso o oficio?

-Cansino... psicoloxicamente. Non tes que coller pesos nin mover pezas dun lado a outro pero si que te atopas con xente de todo tipo. Cada persoa é un mundo...

-É bonito repartir ilusión, non?

-O meu traballo é repartir ilusión. A lotería pódeche tocar se a compras. Non podes chorar nin rezar aos santos se non compras.

-Algún rexeitou comprarlle e despois quedou arrepentido?

-Si, un rexeitamento por equivocación porque é un cliente ao que lle vendo todos os venres un cupón para o domingo. Tiña o último que resultou agraciado na carpeta pero veu o especial do Día da Pai, colleu ese e deixou o que pillaba sempre. De todas formas repartín o sueldazo do fin de semana, o domingo 19 de marzo, co número 34.187. Foron 200.000 euros, 20.000 euros ao cupón. Encontrei a algunha persoa á que lle tocou e abrazoume, achuchoume... Tres vendinos en Burela, dous penso que por San Cibrao e por Xove e os outros, creo, en Moucide na cea do pasado sábado no Bar Uruguay. Sempre vou alí e doulle un repaso ás mesas. Algúns collen, outros non.

-Se lle tocase, que faría?

-Agora mesmo? En principio pagar o coche, librarme desa letra e comprar cousas para o meu fillo... Dentro de pouco vou ser pai!

-Ese sé un bo regalo da vida!

-Si, teño 33 anos. Non sei o que é ser pai. Estás nervioso pero non moito máis, aínda.

-Sabe cambiar cueiros?

-Terei que tomar unhas clases.

-O diñeiro, dá a felicidade?

-O diñeiro non dá a felicidade. Axuda moito porque pasar necesidades é unha cousa moi dura. O importante é ter traballo e saúde.

-Ten algún lugar predilecto onde as ventas dos cupóns sexan boas?

-Inmediatamente ao sitio ao que vou sempre teño boa relación coa xente. Pero se teño que dicir un sitio puntual é a cafetería Vista Alegre en Burela, sobre todo polas mañás a primeira hora. O cupón da Once é un produto que se vende pola mañá. Pola tarde, ao mellor algún te para e compra, se coincide que pasas. Dende o meu punto de vista é un produto mañanero. Tamén se vende ben a mediodía ou nos viños da tarde, aló polas sete, cado están tomando cervexas...

-Dar un premio, aumenta ventas?

-Penso que beneficia porque a xente, hoxe, liábase a falar comigo. A xente quere enterarse e ao final cómprache. Por lóxica, non quere dicir que vaias volver a dar un premio pero ao mellor a xente pensa que estás en racha. Eu digo, ‘que la ilusión continúe...’

-Ten algún número favorito?

-Non. Agora será o do día de cando naza o meu fillo.