A Asociación Provincial de Hostelería celebrou onte en Lugo a súa festa anual

s. c. VIVEIRO / LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

Dous mariñanos, Josefa Díaz Maseda e Ángel Cobas, figuran entre os premiados

28 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O encontro dos profesionais da hostalería da provincia tivo lugar este ano no Hotel Torre de Núñez de Lugo. Durante a xuntanza, que comezou pasadas as 21 horas de onte, fíxose entrega dos galardóns que a APEHL outorga cada ano a hostaleiros cunha longa traxectoria profesional no sector e a persoas ou organismos que apoian incondicionalmente a difusión e promoción da gastronomía e o turismo da provincia.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, Cheché Real, foi o encargado de entregar o premio de Embaixador Hostaleiro da Provincia 2017 a Francisco Vázquez López; natural de O Páramo marchou a Madrid con 18 anos e alí creou o seu gran proxecto hostaleiro rexentando os locais O Pazo de Lugo, o Mesón O Chacón, La Casa del Lacón e o Restaurante Portomarín, locais emblemáticos en Madrid para saborear as especialidades da cociña galega. Real ademais subliñou que «levou e segue levando o nome dos produtos lucenses fóra das nosas fronteiras e puxo sempre o seu gran de area para que o lema …E para comer, Lugo sexa ben recoñecido no resto de España».

Asímesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo homenaxear a traxectoria doutras sete persoas que dedicaron a súa vida á profesión. Neste senso, recibiron os premios «Toda unha vida nos fogóns» Rosario Abeledo Castro, do Mesón Santa Marina, de O Corgo; Josefa Díaz Maseda, do Restaurante Polar, de Lugo, natural de Alfoz; Aurora López, do Madeira, de Lugo; Manuel Pena, do Restaurante Cofín, de Lugo; Luz Somoza Fernández, do Restaurante Durán, de Escairón; e Angel Cobas e Ana Veres Fernández, do Restaurante Cobas, de Lugo (que antes rexentaron un bar en Foz).