«Aínda vendendo eu o leite, ¿como vou competir coa gran distribución?»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

Valora que o ministerio lle vaia permitir ás granxas vender ó consumidor, aínda que non cre que sexa a solución á crise

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo decreto que prepara o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente permitiralle aos gandeiros vender carne e leite crú directamente a comercios e ao consumidor final. Esta práctica abriralle novas posibilidades ás explotacións gandeiras, aínda que moitos profesionais agrogandeiros non cren que sexa unha solución de peso á complicada situación pola que atravesa o sector. Bonet Cid, gandeiro de Barreiros e tamén xuíz de Conafe, enténdea como unha alternativa, pero cre que o verdadeiro problema está na comercialización do produto. O tamaño da súa explotación é medio-alto con respecto a outras do municipio. Coida a diario dunhas 180 reses e vende a produción a Leche Celta.

-¿Coñecía esta nova normativa na que traballa o ministerio?

-Nós non tiñamos información sobre a mesma.

-¿Terá vantaxes esta nova vía para os gandeiros?

-Vexo ben que vaian abrindo novas liñas, pero non creo que sexa unha solución de calado. Facer o investimento para instalar unha envasadora ou para cumprir con todos os requisitos, incluidos os sanitarios, non é o problema. Porque, aínda podendo vender o leite, ¿como vou competir coa gran distribución? Calquera produtor pode defender a calidade do seu produto, pero o problema está á hora de competir no mercado. Unha porcentaxe moi elevada dos consumidores merca marca branca. Eu non vou poder facer unha oferta como fan as grandes empresas. E, si falamos de a través de cooperativas ou asociacións, xa non estamos falando de venta directa. Acórdome hai anos cando comezaron a instalarse as dispensadoras de leite. Dicíase que ían ser a salvación para a metade do sector e ... ¡tampouco foi a salvación! Neste país non hai tradición de ir buscar e comprar o leite todos os días como facemos co pan.

-Noutros países europeos esta práctica comercial desenvolveuse con éxito nos últimos anos...

-Non coñezo con detalle como funciona neses países. Si me plantexo a miña situación particular, eu creo que o maior problema estaría na comercialización.

-¿Cantos litros de leite saen da súa granxa?

-A produción é de arredor de 1,2 millóns de litros ao ano. ¿Onde colocamos todo ese leite? Hai que pensar tamén que en momentos de crise o consumidor quere aforrar e si pode gastar 80 non gasta 100 euros na cesta da compra.

-Nos últimos anos fomos testemuñas de peches continuos de explotacións, ¿como sobreviven?

-Facemos un bo produto e vendémolo ao prezo que nos din. O relevo xeracional e os investimentos son cero, e isto representa un grave problema. Os gastos fixos non os podes reducir. Se isto non cambia en dez anos, a situación irá a peor. Nestes seis meses eu vendo a 310 euros a tonelada de leite, pero hai que pensar que o litro de leite ten moita man de obra. A marxe é cero.