Na obra participan como actores once mariñanos que emigraron no seu día
30 mar 2017 . Actualizado a las 10:12 h.Os Aventados celebra este sábado, 1 de abril, o seu primeiro acto cultural do ano. Trátase da obra de teatro «Presagio de ausencias», que será representada na Casa da Cultura de San Cibrao, en Cervo, a partir das 20 horas. O sancibrense Roberto Frá escribiuna e diríxea.
-En que consiste a obra?
-Esta obra é unha homenaxe ao emigrantes que quería facer dende hai tempo. Son corenta anos de vida viaxando. Non só emigrando. Porque o emigrante é aquel que vai buscarse a vida sen traballo. Eu pasei 10 anos en Corea, agora 20 en Brasil... Eu xa fixen varias obras, e agora que estou retirado, na última viaxe de regreso de Brasil preparei esta. Son 11 historias de 11 persoas diferentes, e diferentes en tódolos aspectos. Creo que esta obra é necesaria porque quen non ten un emigrante en calquera parte do mundo na familia?
-Ten algo de autobiográfico?
-Non exactamente. Cada un dos que actúa ten nomes e apelidos e conta a súa historia. Quero que cada galego se vexa reflectido nestas historias, porque a todos nos toca de preto a emigración.
-Quen participa na obra? Son xente da zona?
-Si. Hai persoas de Viveiro, Celeiro. Son xente de aquí e que ademais emigrou, e iso nótase porque o fan cun cariño especial. Todos ademais teñen experiencia no teatro, aínda que non en temáticas como esta. Pero teñen moitas ganas.
-É a primeira vez que se representa?
-Si, si. Esta será a primeira representación.
-Por que en San Cibrao, entón?
-Pois porque eu son de alí. E eu creo que vai saír ben porque as probas que estamos facendo van ben. É unha cousa moi distinta ao que se soe ver no teatro, o cal non quere dicir que sexa mellor nin peor.
-Que ten de distinto?
-Non ten nada que ver co habitual, co que chaman «teatro de boina», o de sacar un sorriso cun chiste... O noso é un drama, queremos describir o que foi unha realidade, e está construída e representarase para que a xente se vexa reflectida.
-Canto dura?
-Creo que unha hora e media, pero falta algún detalle que o pode variar.
-Canto tempo hai que traballan nisto?
-Levamos ensaiando uns tres ou catro meses. Pero non foi continuo. Xa pensamos facelo en novembro, pero houbo que retrasalo. Ao principio tivemos problemas para atopar xente, e agora sobra.
-E pensan representalo en máis sitios despois?
-Si. Imos esperar a representalo aquí, e despois xa hai outros sitios onde están interesados. Hai certos lugares nos que xa actuamos ao longo da nosa traxectoria e cando se enteraron de que estabamos con esta obra rapidamente se interesaron. Iso é bo, que a xente te lembre.
-En que tempo está ambientado?
-Nos anos 1950, o momento en que máis emigraron os galegos.
-Vostede xa ten unha ampla experiencia, non?
-Si, ademais estou orgulloso porque sempre fixen cousas distintas.
«Esta obra é moi distinta do que se soe ver no teatro (...) Isto é un drama, conta unha realidade»
«A estrea é en San Cibrao (...) Hai algúns lugares que están interesados en que vaiamos»