opinión

Agradecementos do Concello pola Semana Santa de Viveiro


Tras finalizar a celebración da Semana Santa quero agradecer publicamente a todos aqueles que fixeron -co seu traballo, participación ou asistencia- que a Semana Santa de Viveiro fose un gran éxito, cunha ocupación hoteleira que acadou o cen por cento e unha valoración máis que positiva por parte de todas as partes implicadas.

Nestes días, nos que o bo tempo permitiu que todas as procesións saíran á rúa, Viveiro estivo ateigado de veciños e visitantes que, desfrutando destas datas, comprobaron que a nosa Semana Santa é xusta merecedora da súa distinción como Festa de Interese Internacional.

 

Aos veciños e veciñas

Neste agradecemento quero citar, de maneira específica, a todos os veciños e veciñas de Viveiro, pola súa implicación e por ser, sen dúbida, parte do éxito da nosa Semana Grande, agradecendo a súa comprensión polos cortes de tráfico realizados e por respectar as medidas adoptadas por seguridade e precaución, destacando que, a pesar de ser a edición máis multitudinaria, non se producira ningunha denuncia nin altercado destacable.

 

Á Xunta de Cofradías

Pódese afirmar que a Semana Santa de Viveiro está no seu punto máis alto, superando en cada edición as mellores expectativas; neste sentido, cómpre resaltar a labor da Xunta de Cofradías e o impulso do Concello de Viveiro que, dándolle a man á Xunta de Cofradías, leva anos traballando para potenciar e promocionar esta celebración, poñendo á súa disposición todos os recursos materiais existentes.

Finalmente, quero facer mención ás xestións realizadas pola concelleira de Turismo, Marisol Rey Yáñez, que posibilitaron que o Concello de Viveiro puidese presentar a Semana Santa nuns marcos de proxección internacional como son Fitur ou o Salón de Turismo Gastronómico Xantar, convencida de que esas presentacións influiron positivamente na afluencia de visitantes desta edición. Así, pois, o Concello continuará traballando nesta liña en beneficio de Viveiro e desta celebración, unha das máis representativas no noso municipio.

Votación
0 votos
Etiquetas
Semana Santa Viveiro Semana Santa Turismo Xunta de Galicia Tráfico Fiestas de A Mariña A Mariña Viveiro
Comentarios