Imagen:

«A Semana Santa aínda vai a máis»

Xosé Veiga, presidente da Xunta de Cofradías de Viveiro, fai unha valoración do máis positiva despois da cantidade de xente que visitou a cidade


VIVEIRO / LA VOZ

Espectacular polo valor patrimonial e a tradición pero tamén espectacular pola convocatoria de público e a organización. A Semana Santa de Viveiro acaba de pechar a que pode considerarse unha das mellores edicións, aplaudida ademais dende diferentes sectores.

-Agora que xa rematou, que sensación queda na Xunta?

-Estamos moi contentos. Resultou todo case perfecto porque sempre todo é mellorable.

-A perfección non existe...

-Polo menos non houbo incidencias, Viveiro estivo cheo, non houbo problemas cos pasos... A valoración é moi positiva.

-Foi este dos mellores anos?

-Que eu recorde si, porque a a Semana Santa de Viveiro vai a máis. Este ano o Monumento ao Cofrade foi outro atractivo máis. Como xa dixen máis veces, en toda España hai monumentos á Semana Santa e en Viveiro era unha asignatura pendente. A participación dos cofrades volveu a ser masiva, chegando ao límite de participación. Nalgunha procesión participaron máis de mil.

-Cantos cofrades en total?

-É complicado facer números. Utilizando un simil futbolístico, o que é do Madrid non é do Barcelona pero aquí en Viveiro se un leva o Prendemento tamén pode levar a Piedade...

-A rivalidade no fútbol si que hai. Pero, no caso das cofradías?

-Rivalidade existe pero teño que dicir que é boa. Se unha cofradia fai algo novidoso, outras cofradías intentan mellorar. Sendo sana e levándonos ben, é boa. Incluso nos últimos anos vemos que unhas tiran de outras. Así funciona ben ese sistema.

-Agora queda a Semana Santa infantil. Fai canteira esa cita?

-Non ten nada que ver coa Xunta de Cofradías pero si nos parece de marabilla que haxa iso. Eu xa participei nela e os meus fillos tamén. Canteira si que fai.

-Xa están pensando na Semana Santa do ano que vén?

-Si, sobre todo a nivel de cofradías cousas que poden ir mellor, cambiar algún hábito, comprar un hachón... Neste mes e no seguinte xa imos pensando. A semana que ven terá reunión a Xunta de Cofradías a modo de balance e para ver actividades que temos pendentes. Agora en maio haberá un partido de fútbol benéfico, un convenio de colaboración cos clubes de fútbol dentro do cal vai vir o Lugo xogar a Viveiro o Día das Letras Galegas. En xuño tamén iremos a Silleda. Tamén estamos en conversas para facer un intercambio e presentación coa Semana Santa de Braga, que é a máis grande de Portugal e coincídenos relativamente cerca. Está medio avanzado.

-En que se pode mellorar?

-Hai moitas cousas. Houbo algunha protesta sobre as gradas, acceso de discapacitados, no peche das procesións... pero aínda que é máis cuestión de civismo, a Xunta de Cofradía temos que traballar niso porque a veces Protección Civil non daba feito.

Votación
1 votos
Etiquetas
Semana Santa Viveiro
Comentarios