«Entre pais e fillos o importante é actuar dende a comprensión»

Hoxe imparte en Viveiro unha charla gratuíta sobre conflitos paterno-filiais


ribadeo / la voz

O camiño do ribadense Javier Rocha, veterinario vocacional na súa primeira escolla profesional, deu un xiro ao ver que tratamentos alternativos aos convencionais que aplicaba en animais eran moi eficaces: «A miña forma de pensar o mundo cambiou». Dirixiría máis tarde os pasos a traballar coa xente a través do coaching. Hoxe dá ás 20.45 en Regalxunqueira (Viveiro) a charla gratuíta «Comprendiendo los conflictos entre padres e hijos», antesala doutro curso alí de crecemento persoal.

-Que descubriu cos animais?

-Que certas enfermidades nos animais, a veces, están moi relacionadas co emocional e a maneira de vivir na casa. Pregunteime que estaba pasando e iso acaboume levando dos animais ás persoas. No 2012, eu e Juan Luis Amor empezamos a dar cursos sobre menciña natural na clínica veterinaria. Tiveron éxito e empezou a apuntarse xente non veterinaria porque lle parecía interesante que se falase das emocións. Ao ano seguinte organizamos un curso aberto ao público, sacando termos veterinarios, encamiñado ao crecemento persoal.

-E optou polo coaching.

-Apaixonoume porque se basea en que a persoa descubra as súas capacidades, as potencie e lidere a súa vida. Está intimamente relacionado con como eu entendo a menciña.

-Por que ve necesario falar de conflitos entre pais e fillos?

-Nun porcentaxe alto de persoas coas que eu traballo noto que hai un conflito cunha das figuras paternas e soe ser algo moi limitante na súa vida. Vin que aportando comprensión cara a ese conflito e observalo dende outras perspectivas se disolvía, melloraban moito ese tipo de relacións, e por tanto a vida da persoa.

-Herdamos inconscientemente?

-Falamos de herdanzas emocionais e de programación mental moi potentes, de pais a fillos e de avós a netos. Esas quedan no inconsciente, que pode condicionarnos moito a nosa vida(...) A relación entre un pai e un fillo é primordial, esencial.

-Pode ese pai ou nai proxectar os seus medos, inseguridades...?

-Efectivamente. Isto pode levar a dous tipos de fillos. Fillos que aceptan e seguen o camiño que marcan os pais, pero que poden ter problemas de frustración de maiores. E fillos que se rebelan, que son os que teñen máis mala fama porque se rebelan a unha vida ‘sen sentido’. Pero a xente nova vén a vivir unha vida diferente á que nós pensamos. Estamos no século XXI, xa non existen os traballos fixos e asegurados, estamos no século da creatividade, toca vivir doutra maneira...

-Que busca con esta charla?

-Que nos comprendamos, por que estamos a vivir esta situación, e entender por que cada un ten os pais ou os fillos que ten. Hai diferentes maneiras de pensar nos nosos pais, algunhas ao mellor si nos están axudando pero outras ao mellor non(...) Sempre o importante é actuar dende a comprensión, non dende o rencor. Outro dos problemas é pola falta de confianza propia ou dos pais nos fillos. Un pai que confía no fillo e lle di «fillo, da un paso adiante na vida, atrévete e se fracasas non pasa nada, é unha lección aprendida, eu estarei para axudarche» prepara un fillo para triunfar e vivir feliz.

-A ser pai ninguén aprende...

-É que os pais levan información de seus pais. Realmente non son culpables de nada. Pero temos que empezar a facernos conscientes de que alguén na familia ten que dar ese cambio e cando un cambia cambia o resto. Hai dúas cousas moi importantes á hora de falar cun fillo. Cando levamos información de supervivencia que non nos axuda, que o trasvase sexa o menos posible. E cando lle miremos e lle falemos, facelo con confianza e admiración.

-Qué contén a web de Ralaya?

-No espazo Ralaya de Chelo Pastoriza e máis eu está o que fomos aprendendo de diferentes culturas, filosofías orientais, coaching moderno ou diferentes menciñas pois tamén se sabe que a enfermidade está moi relacionada coa nosa forma de pensar e de sentir. Buscamos un espazo onde a información pasa polo noso filtro para que sexa a máis veraz e de calidade.

Votación
2 votos
Etiquetas
A Mariña Viveiro
Comentarios