«Os de Carballido gañamos as cuartas Olimpiadas porque nos levamos ben»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Aí está o secreto, din, e a forza para revalidar o título con 578 puntos en total

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

578. Foron os puntos en total que lle valeron á parroquia alfocense de Carballido o título de gañadora absoluta das IV Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz, organizadas pola delegación municipal de Cultura do Concello que leva o edil Xavier Pardiñas. Remataron, con moi boa sintonía e igual sabor de boca, o pasado sábado no pavillón municipal de deportes. Despois das deportivas, culturais e artísticas, as últimas probas foron as de xogos populares nas que os veciños, por equipos, tiveron que dalo todo nas carreiras de rolos de palla e carretillas, na recollida de carocas e no xogo do brilé, rememorando tempos novos. Moi apropiada ía ser a penúltima se no seu lugar fosen patacas... Os capitáns do equipo que acadou o trunfo foron Ángel Valea Iglesias (Carballido, 1994) e Ana Dorado. Xunto cos seus paisanos levan agora con orgullo as súas fondas raíces rurais.

-Sentirán orgullo de parroquia!

-Por suposto!

-Cantos veciños de Carballido se animaron a competir esta vez?

-O que é no equipo equipo eramos 16, pero nunha das probas, a artística, levamos a 60 ou 70.

-Case todo Carballido enteiro?

-Bueno, case levamos a toda a parroquia... faltou pouco (ri).

-O ano pasado xa gañaran. Nesta edición, foron máis preparados?

-Como o ano pasado foi algo máis rápido e gañamos, este ano preparámolo moito máis e a xente involucrouse máis. Carballido quería gañar, revalidar o título. De 4 edicións que van en 2 gañamos e, ademais, seguidas.

-De onde lles vén a forza?

-Creo que é a unidade que temos na parroquia, porque nos levamos ben. É das parroquias máis grandes de Alfoz pero das máis unidas, das mellores!... e non é porque eu sexa de Carballido (sorrí). Hai moita variedade de xente, xente nova pero á maior tamén lle gustan estas cousas. Os dous primeiros anos custou conseguir xente porque non sabían que era isto... Agora si o saben. Incluso algún xa me dixo ‘para o ano que vén teño varias ideas’.

-E «pique» entre parroquias?

-Nas Olimpíadas hai rivalidade pero todo sano sano... Bueno, si que sempre hai algo de pique. Pero ao final todo acaba ben.

-Hai que recoñecer a orixinalidade da iniciativa municipal.

-A min gústame moitísimo. Foi unha das grandes ideas que tivo o exconcelleiro Pepe Peinó.

-Como se viron nas probas?

-A verdade é que este ano sobrados non íamos en ningunha porque houbo moito nivel en todas as probas. Este ano as parroquias currárono moito.

-Algunha suxerencia de cara a mellorar estas Olimpíadas?

-Nós a verdade é que nos acoplamos ben a todo o que hai. Gústanos como está todo, aínda que todo sempre é mellorable.

-Este ano houbo que trasladar probas da Casa da Cultura ao pavillón, que tivo un cheo total.

-Si, ademais, empeza a vir vernos xente que non é de Alfoz.

-Non pon iso máis nervioso?

-A min ata me fai máis graza. Eu que sei... pásalo moito mellor cando coñeces a todo o mundo. Ademais, animan moito a todas as parroquias que participan.

-A veces o rural galego pilla fama negativa. «Non me toques os pedreiros!» escoitas a veces.

-Isto ao fin e ao cabo ten un obxectivo que é unir ao pobo.