«Dende o Concello tratamos de ofertarlles actividades a diario»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

O rexedor, satisfeito de que os maiores teñan o protagonismo que se merecen e compartan a xornada

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, presidiu onte os actos do Día do Xubilado. Na mesa acompañábano outros tres edís do seu grupo. A responsable de Servizos Sociais, Patricia Otero; o concelleiro de Cultura, Xosé Díaz, e o responsable municipal de Turismo e Deportes, Ramiro Fernández. Non acudiron os representantes dos grupos municipais da oposición, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego.

-Día especial ¿Non?

-Eu penso que é un día agradable para moita xente, para nós tamén, loxicamente, porque o Concello procura sempre buscar harmonía, convivencia, compartir xornadas que sexan satisfactorias en xeral, por tanto facer un día no que o protagonismo é da xente maior, creo que é algo moi importante.

-Ademais, o seu equipo de goberno parece estar moi convencido sobre estas citas, que habían deixado facerse uns anos e recuperáronse.

-Si, exactamente, o que non entendemos é cómo non se fixo nos anos nos que non estivemos nosoutros, porque é unha cuestión que penso que polo froito que dá, é moi agradecida. Nosoutros recuperámola porque consideramos que esta é unha experiencia que favorece, hai xente que se ve unha vez ó ano, ó mellor, grazas a estas cuestións.

-¿Burela é un bo concello para que viva unha persoa maior?

-Agora mesmo, sempre e cando teñan a saúde, penso que poden participar en moitísimas cousas, dado que polo menos dende o Concello, aparte de que teñen a súa residencia e as súas cousas, tratamos de mantelos sempre con actividades. Actividades artesanais, actividades físicas, de cómo manexar incluso algunha cuestión tecnolóxica. Polo tanto, tratamos sempre de telos dalgún xeito activos e que teñan sempre algunha oferta para onde poder acudir tódolos días para, por un lado, convivir con outra xente, e por outro, aprender cousas, que nunca e tarde para iso. Por tanto, si que procuramos facer actividades para todos os colectivos e para os xubilados, naturalmente, tamén (...). Este tipo de actividades, como vamos ser más de quinientos e todos procuran ir o máis guapos posibles, pois quere dicir que é tamén unha forma de mover a economía, quero dicir que este tipo de actividades procura tamén un maior dinamismo económico da localidade.