«Falar agora de ascenso sería como empezar a casa polo tellado»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

A idea do novo adestrador do Pescados Rubén-Burela é formar un equipo «con alma e carácter» e «sen xogadores imprescindibles»

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se de algo vai sobrado Juanma Marrube (Alfoz, 1979) para triunfar no banquillo do Pescados Rubén-Burela é de compromiso. Onte pola mañá, apenas 12 horas despois de pechar a súa fichaxe como novo adestrador laranxa, o Mariskal xa traballaba na súa nova misión, que non é outra que levantar un equipo «con alma e carácter» e reenganchar no novo proxecto a todos aqueles afeccionados desencantados polo descenso a Segunda División. «Estou vendo por televisión o Valdepeñas-Puertollano», di o flamante xefe dun conxunto aínda cos obxectivos por definir. Fai un alto na súa ocupación para falar con La Voz das pretensións e as liñas mestras do seu mandato.

-Dados os seus fortes vínculos co Burela, seguro que tiña esperanzas de converterse no novo adestrador.

-Os acontecementos foron que os foron. Tomás de Dios ía ser o adestrador, pero ás veces os procesos toman outro cauce e desembocan en situacións inesperadas. En absoluto contemplaba a posibilidade de adestrar xa este próximo ano ao Burela e véxoo como unha gran oportunidade.

-¿Faille ilusión?

-Por suposto. Este novo cargo xérame ilusión e, ao mesmo tempo, ganas, responsabilidade, entusiasmo..., pero tamén moitísima tranquilidade. Coñezo o club, a súa estrutura, e iso é unha boa vantaxe.

-¿Na reunión ca directiva só escoitou as condicións do seu contrato o xa empezaron a planificar a vindeira tempada?

-Expúxenlles a miña visión sobre aquelas cousas que creo que habería que cambiar. Este club ten moitos recursos, falo no ámbito deportivo, e temos que sacarlles o máximo proveito. A miña intención é facer a todo o mundo partícipe do primeiro equipo, Tamén, por suposto, falamos dunha posible composición da plantilla, aínda que nese tema pouco puidemos avanzar.

-¿O obxectivo será o ascenso?

-É absurdo falar de grandes obxectivos sen saber con que plantilla imos contar. Falar agora de ascenso sería como empezar a casa polo tellado.

-Álex, Hélder, Renato, Matamoros e Antoñito son os cinco xogadores con contrato en vigor. ¿Conta con eles?

-Son xogadores do meu agrado, si.

-Iago Míguez podería saír cara o Santa Coloma.

-Ten unha oferta enriba da mesa, é certo. É outro dos xogadores do meu agrado e sería unha baixa importante se finalmente decide marchar. Supoño que nestes momentos estará vivindo unha mestura de sensacións difícil de asumir e canalizar.

-Da plantilla actual, ¿que xogador ou xogadores cre imprescindibles para o novo proxecto?

-Quero un equipo sen homes imprescindibles no que todos sexan importantes. Quero un equipo con alma e carácter, cunha personalidade moi definida e que deixe pegada aló por onde pase.

-Traballou con Juanlu Alonso, con Daniel Ibañes e tamén con Tomás de Dios. ¿Qué destacaría de cada un deles?

-Son tres grandes adestradores. A Juanlu Alonso e a Tomás de Dios aválaos a experiencia e os resultados, e con Daniel tiven unha conexión máis de dous exfutbolistas. Cos tres mantiven unha moi boa relación e dos tres aprendín moito.

-¿A súa fichaxe e a volta a Segunda poderían ser estímulos para aqueles afeccionados que perderon a ilusión polo Burela?

-Iso espero. Creo que estamos ante unha boa oportunidade para replantexarnos moitas cousas, tanto o club como os afeccionados. As cousas ás veces ocorrren por algo. Non cabe dúbida que a grada de Vista Alegre é un dos mellores patrimonios que tivo sempre esta entidade e necesitaremos dela para ver cumpridos os nosos obxectivos.

-Por certo, este sábado o seu Boal xógase a vida no último partido. Non lle faltará emoción á súa despedida.

-Estamos nunha situación moi parecida á do Burela. Temos que ganar e esperar que non boten un man outros, neste caso o Xove. Intentaremos facer ben o noso traballo na cancha do Pizarras Tres Cuñados e apelar á profesionalidade e o respecto polo deporte dun equipo xovense que xa ten garantida a continuidade en Segunda División B.