Sorte, Juanma

Iván Díaz Rolle
Iván Díaz DENDE A BANCADA

A MARIÑA

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizais o tempo e os resultados nos quiten a razón. Non sempre as cousas saen como un pensa e o deporte non é unha ciencia exacta. Basta como proba o recén rematado curso. O Pescados Rubén-Burela comezou esta campaña, a do seu descenso, cun equipo que practicamente todos describíamos como mellor que o do ano anterior, e co mesmo adestrador. Pero as cousas foron torcéndose, e o cadro laranxa rematou con só 25 puntos, 15 menos menos que hai un ano.

A volta á elite non parece unha empresa sinxela. Vai custar, máis do que a maioría pensan. Pero creo, e repito, os resultados poden quitarme a razón, que os dirixentes laranxas xa deron un interesante primeiro paso para recuperar o lugar na Primeira División perdido nesta tempada. Dar o timón do cadro masculino a Juanma é apostar polo Pescados Rubén e por Burela. Por unha forma de entender o deporte e, especialmente, o fútbol sala, difícil de comprender lonxe de aquí.

Tres anos despois da súa retirada, Juanma Marrube garda aínda un vencello moi especial cunha afección que debe ser parte imprescindible para que o equipo poida pensar no ascenso. Pero O Mariskal é moito máis ca iso. Ao alfocense aválano un carácter honesto e traballador, e unha carreira como futbolista ao alcance de moi poucos nunha terra moi unida ao fútbol sala. É certo que a súa traxectoria como adestrador aínda é curta. Pero xa se curtiu ao mando do filial e do Boal, en Segunda B, ademais de ao lado de Juanlu, Daniel e Tomás de Dios.

Se os resultados non o acompañan, non será por falla de empeño e coñecementos. Así que: sorte, Juanma!