«Ía só probar e mira..., campioa»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A ciclista do club 7 Voltas de Mondoñedo acadou o título autonómico máster na súa estrea nunha proba contrarreloxo. «Foi una sorpresa», confesa

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Picoaga (Mondoñedo, 1978) asalta un novo trono. A recente gañadora da Transgalaica de BTT, membro do Club Ciclista 7 Voltas, festexou o Día das Letras Galegas acadando o título na categoría máster no campionato galego de contrarreloxo individual que se disputou no municipio ourensán de Baños de Molgas. Cunha velocidade media de case 29 km/h, a corredora mindoniense cubriu o circuíto de 12 quilómetros nun tempo de 23 minutos e 1 segundo, superando en algo máis de medio minuto á segunda clasificada Anna Adelin, do 2.0 Sport Team Club de Vigo. Paula Gómez (CC Vagalume) precisou dous minutos máis que a campioa e completou o podio. Picoaga confesa que a súa vitoria «foi unha sorpresa».

-¿E iso por que?

-Home..., era a primeira vez que participaba nunha proba contrarreloxo. A cousa empezou nun grupo de Whatsapp na que estamos varias ciclistas que somos habituais nas probas de BTT que se disputan por Galicia, plantexouse medio en broma ir a este campionato e dun día para outro decidímolo. Cheguei alí sen saber co que me ía atopar, cun descoñecemento total da proba.

-E gañou.

-Si. Ía so probar e mira..., campioa.

-E ademais con autoridade, superando en máis de medio minuto á subcampioa.

-Estou sorprendidísima pola marca que fixen. É certo que o perfil do circuíto adaptábase moi ben ás miñas características, xa que tiña varios repeitos e eu son escaladora, pero nin por asomo contaba facelo tan ben.

-¿Repetirá?

-Prefiro a montaña, xa que é a miña especialidade, pero isto gustoume, e creo que repetirei.

-Máis mérito ten gañar a Transgalaica, ¿ou non?

-Sen dúbida, ou polo menos iso creo eu. Na Transgalaica non chega con ter un bo día nunha proba concreta, tes que estar a un bo nivel en todas as probas do circuíto, calquera erro, por pequeno que sexa, condénate. É un título máis difícil.

-Unha última. Quixera saber a súa opinión sobre os incesantes atropelos a ciclistas.

-Unha das cousas pola que me gusta máis a montaña é por isto. Nas estradas non se respecta ao ciclista.

-¿Encontra algunha solución?

-A pesares das campañas que se fan, creo que segue habendo un descoñecemento importante das normas. Penso, sinceramente, que habería que estudar educación vial xa na escola.