Lembrando a dona Amalia

Suso Fernández ATALAIA FOCENSE

A MARIÑA

23 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O20.5.17 celebrou en Foz asamblea a Federación de Viuvas de Galicia; evento que nos trae á memoria a personalidade da que foi a primeira presidenta da asociación focega, dona Amalia Espinosa, que chegara aquí o ano 1959. O emprego do marido, don Antonio Maldonado - secretario de xulgado- obrigounos a unha vida nómada, fixo que polos anos 40 abandonasen a súa cálida e luminosa Almería pola húmida e brumosa Galicia.

En 1969 falece don Antonio; ela quedou soa cos nove fillos. Dedicada ás atencións familiares, a súa vida transcorre sen apenas mais saídas que á igrexa próxima para as prácticas piadosas, pero un feito inesperado viría a alterar o rítmo da súa existencia.

En 1973 xorde a idea de crear a Asociación local. Celébrada unha reunión, as compañeiras, por unanimidade, elíxena presidenta. Secundada por un grupo de entusiastas e fieis colaboradoras desenvolven unha febril actividade e as obras humanitarias sucédense con importantes achegas. Foron as artífices da primeira festa dos xubilados. Pero no ano 1992 a saúde física, que non a mental, reséntese e vese obrigada a deixar Foz, para recibir a atención mais próxima da familia.

A Asociación dos seus desvelos ofrécelle unha homenaxe, á que se sumarían persoas e representacións; homenaxe de sentido e sincero recoñecemento a quen tan altruistamente dedicou os seus afáns ós demais.

Dona Amalia marchou a Cataluña e o cronista mantivo con ela esporádica correspondencia. As súas cartas eran auténticos cantos de amor a Foz; expresións permanentes de gratitude e apego ás nosas xentes. Poemas ó noso pobo; ós mariñeiros; á Virxe do Carme… As vivencias focenses resúltanlle inequescibres. Pero decatámonos de que paseniño os trazos firmes da súa letra impecable, clara e diáfana ían perdendo vigor, amosando claramente o declive ata que, unha felicitación nosa de Nadal nunca tería resposta. Aos poucos días finaba dona Amalia. Tiña 94 anos. As súas cinzas depositáronse no cemiterio focego, para cumprir o que foi o seu derradeiro desexo.

Por Foz pasara un anxo: “chamábase” Amalia.