«Sempre me gustou o humor»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Este sábado lerá o pregón lembrando os 19 anos e 3 días que foi cura na localidade

26 may 2017 . Actualizado a las 16:14 h.

19 anos e 3 días foi Ramón Marful (Marzán-Foz, 1937) párroco de Burela. Ata o 3 de setembro de 2014. A burelense foi unha das doce parroquias de A Mariña e A Terra Chá que el levou. Agora volve á burelense para ler o pregón das festas patronais, a petición do alcalde e animado polo edil de Cultura. Será este sábado.

-Foi difícil preparalo?

-Non me custou nada. Viñeron persoas visitarme e pregunteilles. Dixéronme ‘vostede que pasou a experiencia en Burela, cóntea, póñalle o humor que pón...’ Teño listo o pregón dende hai tres meses e medio, máis ou menos.

-Lembra cando o nomearon párroco de Burela?

-Estiven de párroco en 12 parroquias [da Mariña e a Terra Chá principalmente] pero na que máis tempo estiven foi en Burela. Cando me nombrou Gea Escolano, obispo daquela, pregunteille se me quererían ben en Burela. Eu era veciño deles, de Foz. ‘Ahora me convienes en Burela’, díxome. E fun coñecendo o pobo.

-Os veciños gardan recordo de vostede. Como se levou cos fieis?

-En todas as parroquias tiñan comisións para todo. Eu deixábame aconsellar pero eu tamén opinaba. A veces coincidiamos, outras non, pero polo xeneral consultábanse as cousas coas distintas comisións.

-Que destacaría do seu carácter?

-Sempre me gustou o humor.

-Como para incorporalo na misa?

-Si, si, poñíalle o meu toque de humor ás misas e ainda me acordei estes dias explicándolles aos nenos as palabras da catequese e da eucarístía o día que lles dixen ‘vouvos explicar unha palabra que é oficial: hostia’... e todos soltaron unha gargallada e ríronse a pracer. Xa lles dixen que con h é unha palabra sagrada.

-De onde lle vén ese humor?

-Venme de meu pai. Máis que bromas... son ocurrencias.

-Que vai contar no pregón?

-Na primeira parte digo que a pesar de ter tantos ríos e tantas fontes Burela ten que buscar a auga ao embalse de Rúa. Tamén conto o que ten Burela e aconsello ao señor concellal de Urbanismo que mime o seu traballo... Outra parte céntroa na Confraría da Semana Santa, que fundamos. E conto unha anécdota das procesións, que as hai moi simpáticas. Rematarei o pregón cun pequeno chiste do ultimo día meu dando misa en Burela. Dixen ‘dende hoxe son o párroco emérito de Burela’. Algún dixo ‘non sabía que ademáis de párroco era tamén médico’. E farei unha referencia aos mariñeiros para que traian dos caladoiros os peixes á lonxa.

-A que dedica agora o tempo?

-Faime ben escribir sobre o que me pasa e vexo, a miña vida.