Preestrea e estrea de «Juana» en Lourenzá e Ribadeo

s. c. / D.g. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

En homenaxe a Juana de Ibarbourou, célebre poeta uruguaia

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello ribadense acolleu onte a presentación da preestrea e estrea de «Juana», unha perfomance multidisciplinar en homenaxe a Juana de Ibarbourou (poeta célebre en Uruguai de orixe laurentina) na que a poesía, a música e a danza serán as protagonistas.

A preestrea desta creación será este venres, día 9, en Lourenzá, no salón de actos do Concello ás 20:00 horas, e a estrea o sábado, día 10, en Ribadeo, no Cine Teatro ás 21:00 horas.

Os Concellos de Ribadeo e Lourenzá apostaron desde o primeiro momento por esta creación, algo que lles agradeceu a súa autora e directora, a laurentina Marina Oural Villapol. No acto de onte estiveron presentes a aldesa de Lourenzá, Rocío López, e o concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, quen destacou que se trata «dunha aposta estética especialmente singular. Hai que arriscar, buscar novas formas, novas ideas. Nese senso sabemos que en toda a comarca da Mariña luguesa contamos con xente con moita maxia creativa, e entre eles está Marina Oural e felicítoa por esta importante aposta».

Rocío López, alcaldesa de Lourenzá, sinalaba pola súa banda: «Como alcaldesa de Lourenzá gustaríame centrarme no vínculo existente entre Uruguai, Lourenzá e Juana. A protagonista desta obra, Juana de América, como era máis comunmente coñecida, tiña grandes vínculos con Lourenzá. O seu pai, Vicente Fernández, naceu en Lourenzá no barrio da Tilleira no ano 1853, era de familia de muiñeiros e desempeñou ese oficio dende moi novo no coñecido muíño do Frade ata que se viu na obriga de emigrar a Uruguai». Lembrou a alcaldesa que a biblioteca de Lourenzá leva o nome de Juana de Ibarbourou e que ésta «aínda en vida, agradeceu moito que lle deran o seu nome á biblioteca», nunha carta que remitiu daquela ao concello.

Finalmente a creadora e directora de «Juana», Marina Oural, lembrou que en Ribadeo realizou a súa residencia artística o pasado mes de maio. Os ensaios desta creación tiveron lugar en Santiago, Madrid, Cádiz e Ribadeo. Marina Oural, de Lourenzá, dixo que sempre pensou que a faba da súa terra «era arte e a faba tamén estará presente nesta homenaxe a Juana de Ibarbourou». Venres preestrea en Lourenzá; sábado, estrea en Ribadeo.