«Hoxe o surf vende e crea turismo»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCIA VIVEIRO ( LA VOZ

A MARIÑA

XAIME F. RAMALLAL

Con este novo proxecto de crear unha marca comarcal pretenden sacar todo o potencial da Mariña nese deporte

09 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O viveirense Nacho Fernández, ao que entrevistamos, e Catalina Quintana forman un equipo que agora quere facer realidade un soño: crear unha marca comarcal de surf, seguindo os pasos doutras zonas como Ferrol ou mesmo comunidades como Cantabria ou País Vasco. Aparte dos apoios que precisan e os contactos xa en marcha, a mediados de mes prevén editar un díptico completo para os surfistas que queiran descubrir o potencial de A Mariña no eido deste apaixoante deporte. Fernández quere destacar tamén o papel dela na introdución do surf na Mariña na poboación feminina.

-Cando empezaron ou empezou vostede no mundo do surf?

-Eu con 13 anos. Iniciamos o surf un irmán, eu e un amigo aquí cunha táboa que chegara de Estados Unidos e foramos probar a Covas (Viveiro). Despois meu pai levounos Á Coruña á única tenda de surf e comprounos outra.

-Choveu moito dende aquela. Mellor dito, moito subiu a marea.

-Estivemos anos pelexando sós coas ondas e cun bocata que nos daba o noso pai na praia de Esteiro. Ao principio algúns rían, preguntábanse que faciamos, outros nos dicían que aquí non había surf, que iso era en Hawai. Custou entender o que estabamos facendo. Estivemos anos descubrindo praias, como eran as mareas e os ventos. Detrás viñeron Pedro Esmorís e seu irmán, que xa eran deportistas, Emilio Villarmea, actual edil de Deportes, seu irmán e seu pai. Viñeron facer surf os de Club Ciclista, os de Celeiro... Isto íase contaxiando e por barrios. Vían algo novo. Realmente é deporte, aire libre, mar, natureza. E empezou a haber máis xente e fomos coñecer máis praias, ata que houbo un punto de inflexión importantísimo cando dimos co surfista australiano Radcliffe, ao avariarlle a furgoneta na praia de San Román. Estivera dous anos dando a volta ao mundo e un ano xirando por Europa. Con el démonos conta de que o surf tiña unha compoñente atractiva que era a viaxe e vimos como funcionaban os australianos... A orixe do surf son os hippies, a viaxe e a liberdade, que é como o vivo ou intento vivir (...) Catalina e máis eu temos feito as nosas viaxes na búsqueda e ondas por Australia, parte de Sudamérica, parte de Asia e de África... os puntos de surf con ondas de clase mundial.

-Que lles aportan as viaxes?

-É unha das mellores maneiras de poder ter a túa mente aberta e esperta. Vinculado ao surf paréceme máis que importante.

-E montaron unha escola.

-Decidimos montar unha escola de surf en Esteiro, que foi a primeira da zona. Tivemos que picar pedra. Comentaban que Esteiro era moi perigoso pero pouco a pouco, fomos tendo xente. Unha praia é perigosa se non a coñeces pero os surfistas necesitamos oleaxe e por iso é importante coñecer as correntes e estudar a seguridade. O surf empezou a ter aceptación e a medrar. Foi algo paralelo en Galicia e no norte de Galicia. Agora nós somos Escuela Gallega de Surf.

-E tamén Esteiro Surf Café.

-Abrímolo paralelo á escola. Combinamos comida sana, vistas ao mar e aire fresco coa escola de surf. O ano pasado tivo unha aceptación incrible. Nesta temporada abrimos o sábado pasado e inauguramos o bar co Campionato de Surf de Esteiro. O tres veces campión de Europa dixo: ‘Vaia sitio que tedes aquí!’.

-A observación de como funciona o surf noutros lugares, animounos a crear unha marca mariñá?

-Como viaxamos todos os anos, claro está, démonos de conta de como funciona en países onde o surf está máis desenrolado. No País Vasco ou Cantabria a Administración e os concellos danse de conta do valor turístico que ten un produto como o surf e crearon o Surfing Euskadi Basque Country e Surf Cantabria. Que se consegue co turismo de surf? Que alemáns, finlandeses, noruegos, belgas, austríacos... xente sobre todo do norte e do centro de Europa que fai surf se acheguen no verán a eses puntos onde está a potencia do surf. Conséguese un turismo de surf que implica deporte, vida sana, lugares para durmir e comer... É que hoxe en día o surf vende e está creando turismo. En Ferrol tamén se está «creando» a Costa das Ondas. Nós non inventamos nada pero si que todas as zonas de surf teñen unha marca. Iso intentamos crear na Mariña.

-Que pasos firmes deron xa?

-O primeiro que fixemos foi poñerse en contacto coas escolas de surf, co Concello de Xove (o alcalde, Demetrio Salgueiro, apoiou sempre o surf en Esteiro e cando lle falamos da marca dixo si, si e si) e co Concello de Viveiro (a alcaldesa María Loureiro foi outra persoa que penso que o veu). Intentamos conseguir apoio da Deputación Provincial de Lugo.

-Hai un díptico específico en marcha, verdade?

-A Mariña Surfing Map, un mapa onde aparecen anunciadas as escolas e tendas e hai información. É para dalos aos nosos clientes e intentar posicionalos en cada oficina de información turística para que se poida facer uso dese mapa á hora de buscar as zonas de surf. Estamos traballando co deseñador, está case rematado e penso que polo 15 de xuño lle pegaremos o pistoletazo de saída.

-Realmente están comezando.

-É un traballo en toda A Mariña, sentando aínda a base da marca. Este ano so vamos facer eses dípticos e os flyers e máis adiante presentaremos o proxecto a Deportes na Deputación, que vexan que hai resultados e o surf medra.

«A orixe do surf son os hippies, a viaxe e a liberdade, que é como o vivo ou intento vivir eu, tamén Catalina»