«O PXOM retrásase agora por un asunto de legalización de captacións de auga»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

x. ramallal

Aplaude a actitude da corporación e di que xa non sente o bloqueo da oposición que viviu os primeiros anos

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nunca me preocupou unha moción de censura». Asi se confesaba Javier Jorge Castiñeira (Foz, 1974) un ano e medio despois de chegar á alcaldía. O rexedor de Foz encara agora a segunda parte do seu segundo mandato, á fronte do PP e tamén en minoría, pero faino coa experiencia que só acumula quen brega a diario na política municipal.

-¿Está satisfeito con esta primeira parte do mandato?

-Fago un balance a nivel persoal e tamén a nivel xeral. A nivel persoal podo dicir que os primeiros catro anos serviron para asentarse, para aprender, para tratar de ubicarnos... E podo dicir que nestes dous primeiros anos deste mandato xa empeza un a disfrutar no sentido de que as cousas xa as tes arrancadas. A segunda lexislatura pódese saborear moito máis. A nivel xeral, creo que a corporación mellorou, aprendeu dos erros e está sabendo avanzar. O labor do goberno é interesante e, en minoría, hai que ceder en asuntos. Eu creo que a corporación de Foz está dando unha lección. A oposición ten unha idea construtiva e hai que felicitar a todos os grupos. Non hai o bloqueo que houbo no primeiro mandato e que nos causou certo retraso á hora de pór en marcha moitas cousas.

-O día que tomou posesión ofreceulle á oposición participar no Goberno local. ¿Lamenta agora que ninguén aceptara?

-Os cinco concelleiros tiñamos moi claro que podiamos formar equipo con calquera dos outros grupos. A súa negativa non nos fixo baixar a garda e levounos a chegar a pactos puntuais cos grupos. Creo que poderiamos compatibilizar con FPF porque en certos aspectos temos cousas en común. Sorprendeume moitísimo, e para ben, a actitude construtiva do BNG e nós tratamos de ser complacientes coas propostas que nos fan. E co PSOE, quizais sexa co que menos contacto existe. É o que máis rexeitamento ofrece, pero si lembro o agradable voto a favor do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

-Falando do PXOM, ¿por que se está atrasando tanto a súa aprobación definitiva?

-Como técnico estame sorprendendo a tramitación do PXOM. Cando chegamos á aprobación provisional cría que era o final do camiño, pero non. Atopámonos con dous escollos importantes; un que está salvado, que foi con Costas e que nos custou unha reunión en Madrid para tratar de sacalo adiante, e outro con Augas de Galicia. A raíz dunha sentenza do Tribunal Supremo viñan informes de Augas condicionados, e hai que rsolvelos. Estamos afectados doce concellos por este asunto. O PXOM retrásase agora por un tema de legalización de captacións. Estamos traballando coa consellería e supoño que haberá aprobación definitiva este ano.

-Outros concellos responderon ás alegacións antes de aprobalo, ¿por que Foz non?

-O millor é que estea aprobado. Aconséllano os técnicos.

«Temos en proxecto crear unha zona de ocio urbán para rapaces na zona das Torres»

«Mais a medio prazo, pero si para antes do remate da lexislatura, queremos desenvolver un plan de recuperación e dinamización das Torres de Foz».

-¿Pode dar máis detalles do proxecto?

-Imos traballar nas zonas públicas que hai, mellorar os asfaltos e temos en proxecto a substitución da pista de tenis e da pista de fútbol sala para crear unha zona de ocio urbán para rapaces. Na idea está construír un foso de skate, un rocódromo e unha pista deportiva antivandálica. Iso está no perfil do 2018. Estamos facendo a valoración disto para metelo xa nas vindeiras subvencións.

-¿Ten información do Ministerio de Fomento sobre as obras do corredor?

-Teño fe en que a finais do mandato se comece a obra dun tramo do corredor, entre Barreiros e o polígono de Fazouro. Está bastante avanzado e sei que están traballando na proposta que nós lles fixemos de facer un semienlace na zona do Carme, que vai valer para as nosas parroquias interiores e tamén para Alfoz e O Valadouro. E tamén estou moi ilusionado e contento pola ampliación do Hospital da Costa. Foi unha obra pola que eu pelexei moito.

¿Pensa seguir en política municipal? «Oito anos creo que son suficientes»

-¿Como afronta o Concello a devolución de licenzas de obra, os IBI cobrados incorrectamente...?

-A situación económica do Concello mudou absolutamente. Os datos están aí. Imos poder asumir perfectamente o pago do case 1,1 millón de euros a Gestauga, que se vai facer esta semana. Hai unha compensación de parte da recadación que nos teñen que facer eles (lixo, saneamento...) e a maiores nós temos que devolverlles arredor de 225.000 euros. Devolveranse practicamente nesta lexislatura uns 400.000 euros de licenzas de obra aos que hai que sumar o case medio millón do mandato pasado. E imos intentar devolverlle de oficio aos veciños a finais de ano os case 200.000 euros polo IBI cobrado de máis no 2014. A xente non ten que solicitalo. Podemos facer estes pagos porque agora hai liquidez que nos permite afrontar estes retos. A pena é que ese diñeiro que se podía destinar a investimentos é un diñeiro que vai a outras cousas. Que non quede porque eu non o advertira. Neste caso a hemeroteca éme favorable.

-Despois deste mandato, ¿pensa seguir na política municipal?

-Oito anos creo que son suficientes. En oito anos pódese facer unha xestión bastante correcta, pero un ciclo de dez anos é máis interesante. Se fose como en Europa, con lexislaturas de cinco anos, estariamos quizais máis cerca do que podería ser un bo ciclo para un alcalde. Eu, persoalmente, rematando esta lexislatura estaría satisfeito. Creo que se deixa un bo legado para que o seguinte equipo poda seguir traballando, e espero que sexa do PP. Estou a disposición do PP de Foz e do comité local, que tanto me axudou. Por moito que falara non vou deixar colgado ao comité, pero como alcalde creo que un ciclo de oito a dez anos é un ciclo suficiente para non chegar a acostumbrarte nin a coller malos hábitos.

«Está moi avanzada a segunda fase do carril-bici entre Llas e Augadoce»

-Ademais da reforma do pavillón de Marzán (que comezará a vindeira semana) e das reformas das avenidas, ¿que obras teñen en carteira para o que queda de mandato?

-É importante avanzar no PXOM e tamén avanzaremos no asunto da depuradora. Case podo asegurar que neste ano o pleno someterá a aprobación o anteproxecto da Edar e na segunda parte da lexislatura se poderá licitar para empezar as obras. Son estimacións moderadas. Por outro lado hai un avance moi grande no compromiso do dragado da dársena, teremos boas noticias en pouco tempo. Está moi avanzada a segunda fase do carril-bici entre Llas e Aguadoce, farase este ano e incorporará modificacións no paseo marítimo actual. Tamén teño moita ilusión co Centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo, creo que a principios do ano que ven será unha obra en execución. Ademais, onte (xoves) estivemos coa directora xeral de Turismo e está contemplada dentro da estratexia galega a oficina virtual de turismo no Cenima, que será un servizo moi importante e interesante para A Mariña. Os nosos obxectivos de promoción turística tamén inclúen A Frouxeira.

-¿Como teñen pensado promocionala?

-Estamos buscando algunha liña que nos permita que se podan facer recreacións da lenda máis a miúdo. E, por outro lado, este ano poderemos avanzar na compra de terreos do Castro de Lelle. Para desenvolver este proxecto metimos unha partida de 90.000 euros dentro do Plan Único da Deputación. Será un dos pasos para pór en valor este espazo.