Luis Trigo, o «gardarríos»

Anxo F. Currás

A MARIÑA

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:38 h.

Na biografía titulada «Don Francisco Ron Sánchez, sacerdote republicano», presentada no día da homenaxe a este sacerdote en Vilanova de Lourenzá, houbo xente que se estrañou que incluíramos ao gardarríos, Luís Trigo Chao.

Se nesta homenaxe recuperarmos a dignidade de don Francisco como republicano, homenaxeamos tamén a todas as vítimas de Lourenzá, entre elas está o seu fiel amigo, Ramón Ventoso Rodríguez, duramente represaliado e dous Consellos de Guerra. Pois Ventoso era ao mesmo tempo amigo e compañeiro de Luís Trigo. Por iso non podemos obviar a personalidade do Gardarríos tan ligada á zona, ás persoas e ao contexto da Vilanova de don Francisco.

Ventoso xa libre no primeiro proceso, unha noite, no mes de outubro de 1941, pétanlle á porta e atópase co amigo, Luís Trigo Chao, o “fuxido”. Fora emigrante primeiro en Cuba e despois en Arxentina, dunha sabedoría innata, segundo din. Compañeiro de inquedanzas sociais na agricultura durante a República; Ventoso como gandeiro e Luís Trigo, garda forestal e presidente da AS (Agrupación de amigos e veciños Socialistas), compartiran os novos camiños que abría a República no tema da agricultura e da gandería en toda esa zona.

Como republicano socialista, ao estalar o Golpe militar, non tivo máis remedio que fuxir e botarse ao monte -era un dicir- pois a súa morada tívoa na propia casa de Viloalle e, cando vía o perigo, agachábase na acollida das casas dos amigos e veciños durante nove anos. No arquivo militar constan máis de trinta persoas, doutras tantas familias, procesadas por albergar, e axudar ao Gardarríos. Xa que non tiña delitos de sangue, “só pasarás -dicíanlle-uns anos no cárcere”. Non quixo, pois sabía que iso non era certo. O 22 de xuño de 1948 dous membros da brigadilla da Garda Civil camuflados de bandoleiros esperárono na casa de Gerardo Redondo Valea de Vilanova e a altas horas da noite asasinárono coa compañeira Antonia Díaz Pérez. Deixa descendencia dunha neta coa primeira muller.

Se ben é certo que non consta ningunha relación directa de don Francisco co Gardarríos, queda de sobra demostrado a razón da cita desta vítima. A lápida de don Francisco: “Don Francisco Ron. Memoria Viva. 27 de maio de 2017”, está colocada ao pé doutra que di: «Na memoria e honra de todas e todos os represaliados a consecuencia da Guerra Civil.