Viaxes gratis

María Cuadrado Fernández
María Cuadrado OPINIÓN

A MARIÑA

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:38 h.

Áasociación Amigos das Viaxes de Foz sáenlle agora competidores. Vexan senón os dous últimos anuncios dos respectivos Concellos de Barreiros e de Burela. Mentres a Concellería de Cultura barreirense organiza, outro ano máis, unha excursión gratuita a Cedeira e a San Andrés de Teixido para o vindeiro día 27, a Concellería de Servizos Sociais de Burela comunicoulles onte aos seus veciños que poderán asistir, a gastos pagos, á viaxe organizada para participar na Xuntanza de Maiores do Carballiño, fixada para o vindeiro 1 de xullo. Neste caso o bus sairá ás 8.00 horas da estación de autobuses local e será o Concello o que asuma os gastos. O viaxeiro só debe reservar praza na casa consistorial antes do 27 deste mes.

Os mariñáns viaxan cada vez máis. E senón, ¿como explican que os Amigos das Viaxes xa non teñan praza para a última excursión que programaron pola Ribeira Sacra? Aínda que para ir a esta hai que pagar 45 euros. O propio Jaime Cancio, en calidade de voceiro do colectivo, recoñecía que para esta viaxe contrataron un bus de 73 prazas e outro de 57. Lamentaba non poder atender todas as peticións e ter que deixar xente na lista de agarda. Xustificaba as limitacións pola capacidade do catamarán, do tren e do restaurante. Non obstante, confesaba estar estudando outras solucións para non deixar en terra a tanta xente inscrita.

Nalgúns concellos da comarca sempre souberon da boa acollida que teñen entre os veciños as viaxes programadas por Galicia adiante ou fóra dela. A partires de determinada idade, moita xente busca compaña para viaxar e prefire deixar noutras mans toda a organización.