En Foz, fálase e cómese en galego

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Estudantes de 1º de ESO do Colexio Martínez Otero traducen ao galego as cartas e menús de 35 locais de hostalería

17 jun 2017 . Actualizado a las 15:10 h.

Para convencer, hai que implicar. Quizais por iso poucas campañas de normalización lingüística dan tanto que falar como na que participan 27 alumnos de primeiro de ESO do Colexio Martínez Otero de Foz. Mentres amplían o seu léxico sobre alimentación, aproveitan para traducir ao galego as cartas de pratos e os menús do día de 35 locais de hostalería do concello. A iniciativa que naceu como un traballo escolar ás portas da Semana Santa será unha realidade en setembro, mes no que os estudantes entregarán a todos os locais as súas cartas perfectamente traducidas. O único compromiso dos hostaleiros será ter as cartas visibles nos seus locais e lucir o logo da campaña En galego consola. A idea do slogan naceu no cole, sacándolle proveito á palabra consolar, un verbo que focenses e mariñáns usamos a cotío para definir algo que nos gusta moito.

«De momento xa temos unhas trece ou catorce cartas acabadas, pero queremos entregarllas ao mesmo tempo a todos os hostaleiros. Seguiremos traballando este curso e no verán», apunta Marcos Loureiro, profesor de Lingua Galega no centro educativo. Asegura que, aínda que finalmente son 35 os locais que aceptaron a invitación feita polos escolares para participar neste novedoso proxecto, inicialmente ofrecéuselle a oportunidade a un total de 64 bares, mesóns, cafeterías e restaurantes.

En grupos

Para coordinar o traballo, os alumnos, que teñen 12 anos, dividíronse en catro grupos. A primeira fase foi un traballo de campo que lles permitiu sondear cantos locais tiñan as súas cartas e menús en galego. Constataron que só había dous negocios. Aproveitando a Semana das Letras os propios escolares concedéronlle o primeiro premio

En galego consola

á Pulpería Rente ao Mar, pola aposta que fai empregando o galego.

«O traballo dos alumnos ten moito mérito porque non só están facendo as traducións, senón que tamén foron estudantes os que visitaron os locais e lles explicaron a campaña aos donos. Fixéronse catro grupos de alumnos e cada grupo repartiuse unha zona de Foz», afirma Marcos Loureiro. A idea é poder entregarlle tamén aos negocios as cartas en formato dixital. Hai hostaleiros que pediron a tradución de parte das cartas e outros da carta completa. «¡Ata o Quebab turco quixo que lle fixeramos a carta en galego!», asegura o mestre, quen xa avanza que o obxectivo é ampliar o proxecto a outros sectores do comercio ou do mundo empresarial: «A iniciativa tivo unha gran aceptación por parte dos nenos. Todo foron cousas positivas. Están aprendendo unha gran cantidade de léxico referido á alimentación e ademais están implicados cunha iniciativa social. Será para eles un orgullo acudir a eses negocios e ver o seu traballo».